As universidades ratifican que a Xunta ignora hai dous anos o seu plan para "minimizar erros" na selectividade

Exames da PAU 2026 na Universidade da Coruña © UDC

As tres institucións académicas públicas únense para "manifestar o seu apoio" aos membros da comisión que organiza as PAU dende hai tres décadas en plena aceleración do Goberno galego para controlala aproveitando os erros en dous exames

A Xunta está a aproveitar os erros detectados en dous dos corenta exames da selectividade para acelerar o seu plan de control do organismo que organiza as probas de acceso á universidade dende 1993. Nos últimos días a Consellería de Educación e o propio presidente Rueda están a vencellar con eses erros a súa vontade de substituír a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) ente paritario con 3 representantes das universidades públicas e outros tantos da Xunta por outro de maioría gobernamental aínda que en realidade lanzou o proxecto antes dos exames deste ano.

Con este pano de fondo as tres universidades públicas veñen de poñer voz conxunta ao crecente malestar académico a respecto da operación lanzada polo Goberno. Fano cun comunicado no que "manifestan o seu apoio" ás persoas que compuxeron a CIUG neste 2026, mais no que tamén ratifican oficialmente o avanzado a pasada semana polo presidente da comisión: a propia Xunta ignora hai dous anos o plan que lle propuxeron para "minimizar erros" na selectividade.

Rueda e o conselleiro de Educación, co reitor saínte da Universidade de Vigo, este 8 de xuño de 2026 no acto de graduación da Escola de Enxeñaría Industrial CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

En 2024, lembran as universidades, o Goberno de España aprobou un Real Decreto que "fai necesaria unha adaptación" da orde que rexe en Galicia as probas de acceso á universidade dende 2011. Por ese motivo, detallan, o 28 de xuño de 2024 "as delegacións das universidades na CIUG remitiron unha proposta de modificación ao representante da Consellería de Educación" e nela, "entre outras cuestións", destacaba "a incorporación dunha segunda persoa na elaboración dos exames de cada materia".

En xuño de 2024 as universidades propuxeron que as versións finais dos exames fosen revisadas por unha segunda persoa e non por unha soa como no actual sistema, que "extrema as cautelas para garantir a confidencialidade"

Tratábase de "reforzar os mecanismos de revisión" a partir do sistema actual, un "modelo que extrema as cautelas para garantir a confidencialidade dos exames e evitar filtracións como as sucedidas en 1992, que deron lugar á repetición da proba". O sistema "baséase na elaboración de múltiplas propostas de exame por parte dos grupos de traballo de cada materia, nos que tamén participan representantes designados da Consellería", e finalmente "o director ou directora de cada materia" é a "única persoa" que "elabora" os exames que se envían ao Tribunal Único, "encargado de realizar o sorteo e seleccionar o exame definitivo".

Esta proposta para "minimizar posibles erros humanos e reforzar os mecanismos de revisión", con dúas persoas supervisando os exames confeccionados no canto dunha soa, "foi trasladada de xeito formal e reiterada en distintas reunións, formais e informais". E sucedeu "sen que se recibise resposta por parte da Consellería" lamentan.

Alumnado na PAU 2026 na Universidade de Vigo © UVigo

Os equipos reitorais das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e os integrantes da actual CIUG reiteran, neste contexto, que ven "necesario avanzar na mellora" do modelo para "combinar a máxima seguridade na custodia das probas cun sistema máis robusto de revisión dos contidos". E coidan que "as incidencias rexistradas nesta convocatoria" poñen "de manifesto a necesidade de incorporara as melloras xa propostas hai dous anos" as cales, consideran, deberían "poderse incorporar xa na seguinte convocatoria".

As universidades públicas no ocultan, en calquera caso, o seu malestar. Así, ademais de seren "conscientes da preocupación que xeraron as incidencias", cren preciso "subliñar que a organización da PAU é un proceso de grande complexidade no que participan máis de mil profesionais do ensino público galego e persoal de administración". "A práctica totalidade dos grupos de traballo, así como o conxunto do profesorado e do persoal implicado  desenvolveron o seu labor con total rigor e profesionalidade", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.