Rueda xustifica que a Xunta controle a selectividade porque organiza "moitas oposicións con moita xente"

Probas de acceso á universidade a pasada semana no campus de Ourense © Universidade de Vigo

O presidente renega da CIUG que organiza as probas desde 1993 dicindo que "depende en exclusiva das universidades" malia que a metade da súa composición a designa a Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, elevou este luns a campaña do Goberno galego para controlar a selectividade e desprestixiar á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) que se viña encargando de organizala desde 1993. Se a pasada semana foi o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o que cargou contra os erros rexistrados en dúas das probas deste ano (Debuxo Técnico e Historia), este luns foi o propio presidente o que considerou intolerables os fallos e desmarcouse da CIUG malia que a metade da súa composición é designada pola Xunta.

Rueda este luns no Consello da Xunta co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, á esquerda CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A CIUG conta cunha presidencia e dúas vicepresidencias distribuídas entre as tres universidades públicas e tres vogalías "por parte dos centros de ensino medio designados pola Consellería de Educación". Porén, este luns Rueda dixo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que "é bo recordar que a Xunta nin prepara, nin revisa nin corrixe as probas da PAU, encárgase unha comisión, a CIUG, que depende en exclusiva das universidades".

A Xunta vén recibindo sucesivas condenas xudiciais por diversas eivas en distintas oposicións

O presidente dixo comprender "a indignación de rapazas e rapaces" con "fallos que a eles non se lles toleraría en ningún caso". Hai, dixo Rueda, unha "indignación das familias e a sociedade en xeral que pensamos que estes fallos non poden darse". E a continuación lembrou que o Goberno galego xa estaba "reclamando unha maior participación" na organización da selectividade ofrecendo como argumento que "a Xunta realiza moitas oposicións, con moita xente, ao longo do ano". Porén, a Xunta vén recibindo sucesivas condenas xudiciais por diversas eivas en distintas oposicións.

Exames da PAU 2026 na Universidade da Coruña © UDC

"Queremos contribuír a garantir que as cousas saian do mellor xeito posible", di Rueda, pero ao tempo evitou concretar como. "Tempo será de que se coñezan as nosas propostas", concluíu, en plena campaña do PP estatal por "un modelo común" en toda España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.