En vésperas da PAU a Consellería de Educación lanzou o proceso para substituír na organización dos exames á CIUG, organismo con composición equilibrada de universidades e Xunta, por outro con maioría gobernamental
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) é un órgano que data de 1993 e que dende hai 25 anos se rexe pola norma que lle encomenda organizar as probas de acceso á universidade, a selectividade. A súa composición quedou fixada naquel ano 2001 mediante un convenio: unha presidencia e dúas vicepresidencias distribuídas entre as tres universidades públicas e tres vogalías "por parte dos centros de ensino medio designados pola Consellería de Educación".
Este deseño equilibrado entre universidades e designación gobernamental ten os días contados: a Consellería disponse a substituílo por outro no que o seu propio peso sexa maior. Así o avanzou a propia Xunta en vésperas da celebración dos exames deste ano e agora, aproveitando os erros detectados en dúas das probas (Historia e Debuxo Técnico), o Executivo afianza e acelera a súa decisión de control.
A aquel convenio de hai un cuarto de século e á orde que en 2011 introduciu axustes nas probas e nos procesos de admisión vénse remitindo cada ano a Consellería de Educación para facer oficial a composición da CIUG e así sucedeu tamén neste curso 25-26. A presidencia recaeu desta volta na Universidade de Vigo e as vicepresidencias, nas da Coruña e Santiago, mentres que as tres vogalías "en representación da Consellería" foron para o subdirector xeral de Inspección e Avaliación, Enrique Prado; o xefe do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, Manuel Calaza; e a profesora Sonia Torres.
Decisión previa aos exames deste ano
A Consellería atribuíu a "actualización" da norma á intención de inserir "melloras" e "avanzar nun modelo de proba común", se ben agora lígaa tamén aos fallos detectados en dous dos 40 exames deste ano
O pasado 15 de maio a Consellería de Educación anunciaba que se dispón a "actualizar a normativa que regula a Proba de Acceso á Universidade" para "incluír melloras na coordinación e organización" e "avanzar nun modelo de proba común en toda España", isto último na liña do marcado pola dirección estatal do PP. Aínda que o texto da futura orde aínda non é público, o departamento que dirixe Román Rodríguez si avanzou a fin da CIUG como tal.
"Os órganos de coordinación e de organización da PAU serán a Comisión Coordinadora e a Comisión Organizadora". Esa Comisión Coordinadora, bosquexa, "estará adscrita á Consellería", "encargarse da organización xeral da proba" e estará composta "polas persoas titulares da Dirección Xeral competente en materia de ordenación da etapa de Bacharelato, da Secretaría Xeral de Universidades, da Subdirección Xeral de Inspección Educativa e dos Servizos de Avaliación, Ordenación e Orientación, así como os delegados das tres universidades públicas galegas". Isto é, coa actual estrutura da Consellería, seis representantes da Xunta e tres das universidades.
Nesa toma de control reafirmábase este pasado xoves o conselleiro, Román Rodríguez, ligándoa a preguntas das prensa cos erros deste ano malia que o seu propio departamento anunciou a reforma antes de que sucedesen. Os fallos, defende Rodríguez, supoñen "un gran prexuízo" e cómpre abordar a elaboración e control da proba con "máis mimo". Por iso "para 2028", sostén, estará aprobada a nova norma, que segundo o conselleiro non supón nada "raro", senón "homologarnos ás comunidades autónomas que xa teñen unha participación neste proceso".
Explicacións da CIUG
A propia CIUG admitiu "dous erros nos enunciados" no exame de Debuxo Técnico e outro de tipo formal no de Historia de España. Anuncia "criterios flexibles" de corrección e lembra que hai dous anos pediu á Xunta inserir unha segunda revisión dos exames unha vez elaborados, pero non tivo resposta
A propia CIUG, na súa función de comisión organizadora da PAU, saíu ao paso dos erros detectados este ano, un de fondo e outro, de forma. No caso do grupo de traballo de Debuxo Técnico admitiu "dous erros nos enunciados", nun comunicado no que os lamentou "profundamente" e explicou, asemade, que se "emendaron no transcurso da proba", outorgando ao alumnado máis tempo para compensar.
Na proba de Historia de España, pola súa banda, as queixas chegaron pola "pregunta de carácter comparativo sobre socialismo e anarquismo", contidos que nas instrucións do correspondente grupo de traballo "aparecen nun único tema sobre aspectos socioeconómicos" e non como posibilidade de seren formulados como compartaiva xeral. Aínda que a pregunta "considerouse axeitada para que o alumnado soubese resolvela sen dificultade", a CIUG resolveu "corrixila aplicando criterios flexibles" para que "ningún estudante sexa prexudicado".
Nun sentido semellante pronunciábase tamén este xoves quen neste curso exerceu como presidente da CIUG. En conferencia de prensa para aclarar o acontecido ante o balbordo xerado, Iván Area detallou que os exames, unha vez elaborados, son revisados unicamente pola persoa que preside cada grupo de traballo en ordenadores sen conexión a internet -por seguridade-, un sistema no que o "rigor" introduce limitacións. Por iso, advertiu, a propia CIUG propuxo en 2024 á Xunta introducir a figura dunha segunda revisión por unha persoa diferente, pero non obtivo resposta.
Area defende, asemade, a "profesionalidade" do persoal que elabora e organiza as probas, 40 exames dos que 38 resultaron "impecables", sen erro ningún. Evidencia, asemade, que actualmente a Xunta está presente na CIUG a través de tres representantes.