Nunha proba deu por válido que dous aspirantes a axentes tardasen máis do establecido en correr mil metros, o que prexudicou a un terceiro, e noutra fixo públicos os criterios de avaliación despois e non antes do exame, como esixe a lei
Para a Xunta 30 segundos e 51 centésimas é menos tempo que 30 segundos e publicar os criterios de avaliación dunha proba despois de que os candidatos a realicen é o mesmo que facelo antes. Por esas dúas decisións improvisadas durante a celebración de dúas oposicións distintas, a prazas de policía local e de docente de danza clásica, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir no mesmo día dúas sentenzas distintas coas que condena o Goberno galego a repetir distintas fases ou probas deses dous procesos de selección de persoal dispares.

No caso das oposicións a policía local convocadas en 2021 pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Xunta para cubrir 94 prazas de acceso libre as bases establecían como requisito eliminatorio que os candidatos varóns fosen quen de correr mil metros lisos en menos de 3 minutos e 30 segundos. Segundo relata a sentenza, tras a realización da proba catro aspirantes resultaron non aptos por tardar dous deles 3 minutos, 30 segundos e 11 centésimas, un terceiro 3 minutos 30 segundos e 51 centésimas e o cuarto 3 minutos 30 segundos e 61 centésimas.
Sobre unha proba física dos aspirantes a policías o TSXG lembra á Xunta que "as centésimas de exceso non forman parte do segundo 30 senón do 31" e que non podía facer "un redondeo á baixa en ningún caso previsto"
Os implicados recorreron e foron considerados aptos porque segundo a Xunta as bases do proceso non citaban centésimas, senón só segundos. Pero a recuperación deses aspirantes para o resto do proceso selectivo acabou supoñendo que outra persoa que si fixera a carreira en menos tempo -3 minutos e 56 centésimas- pero que obtivera peor puntuación noutras probas non eliminatorias quedase finalmente clasificado no posto 96, dous por detrás do límite de 94 prazas que se outorgaban. Ese afectado recorreu na vía administrativa, a Xunta nin lle contestou e tivo que acudir á xustiza para que agora o TSXG veña de darlle a razón.
O tribunal di que a Xunta non debeu considerar aptos os candidatos que tardaron máis de 3 minutos e 30 segundos porque “as centésimas de exceso non forman parte do segundo 30 senón do 31”. “Esa é a interpretación acorde non só coa literalidade da base senón tamén coa racionalidade e a lóxica”, di o tribunal, que censura que se fixese “un redondeo á baixa en ningún caso previsto”.

Ante esa situación, o TSXG anula a decisión final sobre as oposicións da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública no que afecta ao candidato prexudicado e aos dous cuxa repesca indebida deixara fóra o primeiro e ordena á Xunta “a retroacción do proceso selectivo para a subsanación da infracción cometida” de xeito que o denunciante pase do posto 96 ao 94, o último dos que se repartían.
O Tribunal tamén lembra que "a esixencia de coñecemento previo polos opositores dos criterios de corrección ou valoración fixados constitúe xurisprudencia reiterada”
No caso das convocatoria por concurso-oposición para prazas de docente de danza clásica convocadas en 2020 o recurso agora atendido polo TSXG foi formulado por unha aspirante que quedou eliminada na fase de oposición, cunha proba que consistía en impartir unha clase de baile. A afectada pediu revisar o exame pero o tribunal constata que a súa proba non foi gravada en vídeo porque as bases da convocatoria non o prevían. Porén, o tribunal si admite outro dos puntos do seu recurso, o de que non se publicaran antes da realización da proba os criterios de valoración da mesma.

O TSXG salienta que as bases da convocatoria indicaban que o tribunal das oposicións era o responsable da “determinación e publicidade dos criterios de avaliación, antes do inicio” das probas, o cal considera “incumprido, en primeiro lugar porque non se estableceron eses criterios previamente a cada unha das partes, e en segundo lugar porque tampouco se lles deu publicidade con antelación a fin de que os aspirantes os coñecesen”. Se a afectada realizou as dúas partes da proba os días 22 de xuño de e 2 de xullo de 2021, o tribunal fixo públicos os seus criterios de corrección o 11 de xullo, “varios días máis tarde”, censura o TSXG.
“Esa esixencia de coñecemento previo polos opositores dos criterios de corrección ou valoración fixados constitúe xurisprudencia reiterada”, di o Tribunal Superior, que declara o dereito da afectada a repetir a proba previa publicación dos criterios de valoración e cualificación, sen que iso afecte ao resto de aspirantes presentados.