As xuventudes do PSdeG instan a mocidade a "tomar partido" fronte á "dereita botada ao monte"

Membros das Xuventudes Socialistas, nun dos actos da súa campaña para o 28A, no campus de Lugo CC-BY-NC-SA XSG

As Xuventudes Socialistas de Galicia comezaron a carreira cara ás eleccións xerais do 28 de abril baixo o lema Faino con Pedro ilustrando cun colchón o "cambio" que, subliñaban, trouxera consigo o PSOE ao Goberno de España tras a moción de censura. Na recta final da campaña a organización xuvenil do PSdeG vén de lanzar a súa última acción, outra volta con vídeo, agora para pedir á mocidade galega que "tome partido" para impedir un goberno da dereita "botada ao monte".

"Queremos dicir ás mozas e mozos de Galicia que teñen que decidir entre unha España de dereitas e unha España de dereitos"

Agora o título da montaxe é PasaACabra e imita o formato do coñecido concurso televisivo Pasapalabra, caricaturizando o que consideran teimas habituais do PP, de Ciudadanos e do partido de extrema dereita Vox. "Escollemos este nome porque a dereita está tirada ao monte" e "queremos dicir ás mozas e mozos de Galicia que o 28 de abril teñen que decidir se apostan por unha España de dereitos ou por unha España de dereitas", sinala o seu secretario xeral, Aitor Bouza.

Con este formato humorístico as XSG pretenden facer chegar ademais "algunhas das medidas defendidas polos socialistas" para a mocidade nesta campaña, tales como "a renda básica de emancipación, a gratuidade das primeiras matrículas na universidade" o "plan retorno de 20.000 mozas e mozos que tiveron que marchar" ou un plan de emprego xuvenil. Propostas coma estas, segundo Bouza, "van facer que a mocidade volva confiar na política".

Bouza resalta que mediante campañas coma esta pretenden facer chegar á xente moza propostas do PSOE como "a renda básica de emancipación ou a gratuidade das primeiras matrículas na universidade"

Pero fronte á posibilidade de aplicar estas políticas, di o dirixente xuvenil do PSdeG, "temos a España das dereitas" que "non só se ve neste vídeo", senón no conxunto da campaña e nos recentes debates televisivos. "As dereitas están completamente desquiciadas", con propostas que "levan a España ao retroceso, a unha época na que as persoas non tiñan dereitos nin liberdades".

Por todo isto, sintetiza, "queremos dicir ás mozas e mozos que teñen que tomar partido e dicir que España queren" e utilizar o voto para "rexeitar a España que quere acabar cos dereitos das mulleres" ou "dos traballadores", exemplifica. Neste contexto Bouza reitera: "non podemos permitir que as dereitas cheguen ao poder, temos que facer que iso non pase". Pola contra, "temos que facer que pase un goberno de Pedro Sánchez, de dereitos e liberdades", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.