Besteiro convoca un encontro de militantes para preparar a "nova etapa" do PSdeG

Besteiro, tras ser elixido líder do PSdeG en Lugo, o pasado maio CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Seguen os movementos. Apenas unha semana despois de que un grupo duns setenta destacados membros do PSdeG artellasen un foro para tentar sentar as bases dun "novo socialismo galego", un dos dirixentes que figura en máis quinielas cara ao futuro do partido, José Ramón Gomez Besteiro, comeza a mover pezas. O secretario xeral dos socialistas lugueses e presidente da Deputación nesa provincia abrirá o vindeiro sábado un acto con dimensión provincial, pero cuxa significación política pode transcender os límites de Lugo. Non en van, enmárcano como un paso para preparar a "nova etapa" do PSdeG.

Tras semanas de contactos con diferentes sectores do partido Besteiro participará nunha convocatoria que, baixo o título Partido aberto, goberno aberto, é presentado dende o PSdeG de Lugo como o momento de "escoitar o que teñen que dicir as bases" para que "participen na construción" da devandita nova xeira. Na liña do manifestado polo propio Besteiro que, entre outros aspectos, xa apostou pola elección do secretario xeral a través de primarias, os socialistas lugueses subliñan que o encontro do sábado estará completamente "aberto" á militancia, á que se lle solicita que propoña "medidas concretas para chegar á cidadanía" e para aplicar nas "institucións gobernadas polos socialistas".

Os socialistas lugueses sinalan que queren ser "un exemplo de unidade en Galicia", nun acto que semella lanzado para transcender o ámbito provincial

O PSdeG de Lugo, din, está "a marcar a súa propia folla de ruta para ter o traballo feito e contar con ideas claras e decididas entre todos cando chegue" o Congreso Nacional que, a priori, debera celebrarse no entorno da vindeira primavera. É aí, precisamente, onde podería culminar unha eventual aposta de Besteiro por acceder ao liderado, unha carreira que podería iniciar simbolicamente o vindeiro sábado adiantándose, por exemplo, ao ex ministro de Fomento José Blanco, cuxos eventuais movementos cara á secretaría xeral están conxelados ata que se libere da imputación no caso Campeón. Nesta liña, a irrupción do presidente da Deputación de Lugo no ámbito autonómico produciríase nun escenario no que é das poucas cabezas visibles do partido non afectadas directamente nin por unha derrota electoral nin por polémicas derivadas das operacións xudiciais en curso, a Pokémon e a propia Campeón.

Neste contexto é no que o lugués chama os seus a "potenciar a construción dun novo camiño, de abaixo cara a arriba". Os socialistas lugueses, afirman, queren ser "un exemplo de unidade en Galicia, con propostas concretas e consensuadas", encamiñadas á "apertura do partido á cidadanía e aos problemas da xente". Propostas, en definitiva, que semellan lanzadas para chegar alén da provincia de Lugo e do propio acto convocado.

 

Besteiro, tras ser elixido líder do PSdeG en Lugo, o pasado maio CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.