"Nunca un presidente deixou a tantos galegos e galegas sen vivenda, sen médico e sen os cartos que por lei verdadeiramente lles corresponden", asegura o secretario xeral do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este mércores balance da lexislatura no seu ecuador e criticou que Alfonso Rueda leva "dous anos de titulares" e "propaganda" mentres a realidade para a cidadanía galega é que "todo vai a peor". "Os titulares non curan, non constrúen vivenda e non crean emprego. Gobernar é resolver problemas, non buscar sempre un culpable externo", sostivo.
"Nunca un presidente deixou a tantos galegos e galegas sen vivenda, sen médico e sen os cartos que por lei verdadeiramente lles corresponden", asegurou Besteiro no almorzo informativo convocado no Parlamento polos socialistas. "Estanse perdendo oportunidades", lamentou.
En materia de vivenda, Besteiro destacou que hai 29.457 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública, o dobre que ao inicio do mandato, e 7.000 máis que hai un ano. "Só na última semana incorporáronse máis de 300 novas solicitudes", indicou para engadir que "a realidade é que hai moita xente nova que non pode acceder a unha vivenda, pero non só, tamén moitas familias".
O líder socialista criticou o "baile de cifras" do presidente da Xunta, que "pasou de prometer 8.000 vivendas públicas neste mandato a falar de 20.000 e, hai só uns días, de 10.000 pero ampliando o prazo ata o ano 2030". "A realidade é que os fondos europeos chegaron en 2023, que en 2025 apenas había 150 vivendas executadas e que o grao de execución orzamentaria nesta área non alcanzaba o 80% no terceiro trimestre do pasado ano. Hoxe só hai 825 vivendas en construción mentres miles de familias seguen esperando", advertiu.
Besteiro reprochou ao PP que rexeitara a proposta socialista do Banco Público de Alugueiro para mobilizar vivenda baleira, como tamén lle afeou que non atendese á iniciativa de blindar por lei as citas de atención primaria en 48 horas
Neste sentido, Besteiro reprochou ao PP que rexeitara a proposta socialista do Banco Público de Alugueiro para mobilizar vivenda baleira, como tamén lle afeou que non atendese á iniciativa de blindar por lei as citas de atención primaria en 48 horas. Denunciou que 350.000 persoas agardando por unha cita médica e preto de 50.000 por unha intervención cirúrxica. Así como ducias de concellos sen cobertura médica varios días á semana, e unha falta sostida de pediatras e médicos de cabeceira que está a trasladar a presión asistencial ás Urxencias hospitalarias.
"Non falamos de estatísticas frías, falamos de xente que non consegue cita en tempo razoable, de persoas maiores que esperan meses por unha proba, de familias que acaban na privada porque non atopan resposta", afirmou Besteiro, que tamén fixo fincapé na demora media superior aos 300 días que hai en Galicia para conseguir as resolucións en materia de dependencia. "Non faltan propostas. O que falta é vontade de executalas", sinalou.
"Reivindicamos un financiamento xusto, a superación das competencias impropias e máis recursos materiais que teñen que ser trasladados do goberno da Xunta aos concellos"
No plano económico e industrial, Gómez Besteiro explicou que o anunciado Pacto pola Industria e pola Enerxía "non existe a día de hoxe" e que o fondo público-privado de 300 millóns para proxectos estratéxicos "non está operativo". Ademais, advertiu de que Galicia medra en emprego á metade do ritmo estatal.
Eleccións municipais en 2027
Por outra banda, está en marcha o calendario marcado no comité nacional do pasado 10 de xaneiro cara ás eleccións municipais, nas que os socialistas se presentarán "como unha forza tremendamente competitiva" co obxectivo de "avanzar" en territorios nos que non gobernan. "Farémolo ademais con primarias, somos os únicos que mantemos esa posción de transparencia, con enorme competitividade, na procura dos mellores candidatos ou candidatas e, sobre todo, dos mellores proxectos", apuntou.
"Este é un ano de reivindicación do mundo local, porque tamén é Galicia. Reivindicamos un financiamento xusto, a superación das competencias impropias e máis recursos materiais que teñen que ser trasladados do goberno da Xunta aos concellos", defendeu o secretario xeral do PSdeG.