O líder do PSdeG visita o reinicio dos traballos na foxa común do Val, en Narón, escenario dun dos maiores asasinatos colectivos dos golpistas en Galicia e onde o equipo liderado polo grupo de investigación Histagra traballa grazas aos fondos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática
Este 4 de novembro principiaron no cemiterio do Val (Narón) as últimas actuacións programadas en Galicia dentro do primeiro Plan Cuadrienal de Memoria Democrática que o Goberno de España activou en 2021. Como nos tres anos previos, o grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago ten encomendados todos os traballos de investigación, apertura de foxas e divulgación en virtude dun convenio asinado coa Xunta, que se limita a transferir os fondos remitidos polo Estado para esta finalidade.
Igual que nos anos anteriores, o Executivo galego do PP optou por desaparecer da foto da memoria histórica. Ao contrario do que é habitual en convenios para outras finalidades,as dúas consellerías que interveñen neste (Presidencia e Cultura) preferiron que os seus titulares, Diego Calvo e José López Campos, rubricasen a través de internet a asignación duns fondos (76.364 euros para este ano) que formalmente chegan á USC dende a partida de "actividades de promoción e difusión cultural", toda vez que a Xunta non ten nos seus orzamentos partida ningunha dedicada á memoria democrática.
A creación desta partida "específica" é a asignación de fondos propios que se sumen aos do Goberno de España é a reclamación que este luns lanzou a pé da foxa do Val o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Durante a súa visita ao reinicio dos traballos -o equipo liderado por Histagra xa interveu no cemiterio naronés en anos previos-, onde se procura medio cento de persoas asasinadas polos golpistas, instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aproveitar o actual trámite dos Orzamentos de 2025 para corrixir a carencia.
Os fondos do Estado que a Xunta transfire á USC para os traballos de memoria democrática sitúanse na partida de difusión cultural pola inexistencia dunha específica, que o PSdeG reclama crear aproveitando o trámite das contas de 2025
Trátase, abonda o líder socialista, de sumar orzamento galego "ao que xa achega o Estado todos os anos" e que serven, subliña, "non só para a investigación e recuperación de restos", senón tamén para "divulgación, tan importante para que nunca máis cometamos os erros do pasado". "Non hai reparación no esquecemento; a reparación está no coñecemento, na divulgación e no recordo", agrega.
Subliña Besteiro que, sumando todas as achegas do Plan Cuadrienal, "o Estado financiou con 435.000 euros as actividades relacionadas coa memoria democrática" en Galicia mentres a achega da Xunta ascende a cero. A este financiamento, resalta, "súmase o compromiso de que a Universidade de Santiago", a través do propio grupo Histagra, "lidere a elaboración dun censo de vítimas da Guerra Civil e da ditadura a nivel estatal", dado que "a fórmula para elaboración do censo galego xa se está a replicar noutros territorios debido á súa efectividade" no proxecto Nomes e Voces, que a Xunta deixou de financiar cando o PP retornou ao Goberno en 2009.
Igual que "Rajoy presumía de que os seus orzamentos asignaban cero euros á Lei de Memoria Histórica", abonda Besteiro, "Feijóo cancelou convenios coas universidades, proxectos de investigación e calquera actividade relacionada coa memoria. Esa ausencia, conclúe, é a que deberan corrixir as contas do ano vindeiro.