O presidente non desmente ao socialista pero acúsao de ser el o "ausente" da política galega
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, revelou este mércores no Parlamento que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non estivo" durante a noite do gran apagamento eléctrico no centro de emerxencias da Estrada no que estaba reunido o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi). Unha acusación que non desmentiu o propio Rueda, que se defendeu acusando a Besteiro de ser el o "ausente" da política galega nos últimos meses.

Besteiro desvelou a ausencia de Rueda contrapoñéndoa coa presenza no Cecopi do delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, tanto cando a emerxencia estaba no seu nivel 2 e dependía da Xunta como cando esta aumentou a nivel 3 pasou a depender do Estado. "O delegado do Goberno estivo toda a noite do apagamento, vostede non estivo, eu tería estado", asegurou o socialista.
Rueda si volveu ao centro de emerxencias da Estrada tres días despois de superado o apagamento, o venres, para participar nun acto do PP co seu líder estatal, Alberto Núñez Feijóo, no que desde o complexo público propiedade da Xunta cargaron contra o Pedro Sánchez e defenderon a actuación do Goberno galego.
Na súa réplica nada respondeu Rueda sobre a súa actuación cando, a última hora da tarde do luns, a emerxencia pasou a ser estatal nin nada dixo de onde estivo durante o resto do apagamento. A súa resposta consistiu en acusar a Besteiro de ser o gran ausente da política galega nos últimos meses, entre gargalladas dos escanos do PP.
O presidente centrou o resto da súa intervención en defender os datos de emprego en Galicia, cuestión sobre a que inicialmente estaba previsto que lle preguntase o socialista. Segundo dixo, "son bos" pero no Goberno galego "non estamos satisfeitos, porque poderían ser mellores". "Nós non somos de presumir, somos de facer", sentenciou Rueda.