BNG e PSdeG atribúense os logros do acordo para investir a Sánchez e Rueda di que rachan "unha España de iguais"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao seu goberno no Parlamento deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente fai os nacionalistas responsables de que a Xunta teña pendentes de iniciar infraestruturas que prometeu hai máis dunha década 

Na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia o BNG preguntaba polos incumprimentos do Goberno galego en materia de infraestruturas e o PSdeG pola baixa execución dos fondos europeos. Pero o debate acabárono derivando tanto as portavoces da oposición como o presidente galego ao acordo asinado entre o BNG e o PSOE para unha nova investidura de Pedro Sánchez. Un acordo cuxos logros para Galicia nacionalistas e socialistas tentaron atribuírse en exclusiva mentres Rueda aseguraba que supón rachar con "unha España de iguais".

Ana Pontón na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntou a Rueda este mércores polos sucesivos incumprimentos da Xunta de promesas de infraestruturas lanzadas hai máis dunha década, entre as que citou a vía da Costa Norte ou os remates das autovías da Costa da Morte, do Baixo Miño ou a Vía Ártabra. A resposta do presidente foi salientar sobre o longo listado de obras citado por Pontón que "algunhas están feitas" mentres que outras atopáronse, segundo dixo, co rexeitamento do BNG e dos seus alcaldes.

Pontón tamén censurou a Rueda o recente informe do Consello de Contas que critica que a Xunta este a pagar de máis polas autovías con peaxe en sombra. E fronte a esa xestión do Goberno galego a nacionalista presentou "a política útil do BNG", poñendo como exemplos os acordos co PSOE para novas rebaixas de peaxes na AP-9 ou a creación de Cercanías ferroviarias, ademais de lograr que Galicia teña "igualdade de trato na condonación da débeda".

Rueda, pola contra, asegurou que esas e outras cuestións son "propaganda" e lamentou que o BNG sexa "un choio para o PSOE". Segundo o presidente, co seu acordo para investir a Sánchez nacionalistas e socialistas "conseguiron ao segundo intento acelerar a desigualdade entre todas as comunidades", fronte ao que o PP loitará para manter "unha España de iguais onde Galicia non sexa menos que ninguén".

A viceportavoz do PSdeG, Begoña Rodríguez, amosa unha foto das pintadas na sede do PSOE en Ferrol CC-BY-SA PSdeG

Pola súa banda, a viceportavoz do PSdeG no Parlamento, Begoña Rodríguez Rumbo, interpelou a Rueda sobre a execución por parte da Xunta dos fondos europeos, que cifrou nun escaso 35%. Rueda negou a maior e asegurou que quen non está a executar fondos en Galicia é o Goberno de España.

"Sete deputados do PSdeG conseguiron máis para Galicia" que todos os anos de gobernos do PP, asegurou a viceportavoz socialista

Pero tamén este debate derivou a cuestións relacionadas coa investidura de Sánchez. A socialista asegurou, a respecto do acordo co BNG, que "sete deputados do PSdeG conseguiron máis para Galicia" que todos os anos de gobernos do PP. E dixo que aos populares "fastídialles que sexa este goberno o que consiga que o independentismo deixe de ser un problema". Tamén afeou ao PP que poña problemas para asinar unha declaración institucional do Parlamento que condene os ataques que están a sufrir as sedes do PSOE -esta noite a de Ferrol rexistrou pintadas-, pero Rueda evitou responder sobre esa cuestión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.