BNG e PSdeG dan a lexislatura por rematada e Rueda ofrece "humildade e eficacia"

Sesión de control á Xunta durante a intervención de Ana Pontón este mércores 20 de decembro de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

O presidente critica que Pontón nunca xestionase persoalmente unha administración e presenta a Besteiro como "home anuncio", mentres que a oposición di agardar só a que o PP estatal dea permiso para a convocatoria electoral

Tras a aprobación este martes dos Orzamentos da Xunta para 2024 este mércores o último Pleno do ano no Parlamento viviu a sesión de control ao Goberno galego, que BNG e PSdeG presentaron como a derradeira da lexislatura. Á espera de que o presidente Rueda anuncie a data en que se celebrarán as próximas eleccións galegas, que o seu propio equipo considera inminentes tras a entrada en vigor das novas contas públicas, nacionalistas e socialistas amosáronse preparados para gobernar Galicia, mentres que o presidente presentou os seus candidatos como sen experiencia de goberno no caso de Ana Pontón e como "home anuncio" no de José Ramón Gómez Besteiro. Fronte a eles Rueda ofreceu "humildade e eficacia".

Rueda durante a sesión de control á Xunta no Parlamento deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, centraron a sesión de control en facer balance da década e media de gobernos do PP. Os dous presentaron unha Galicia peor que a colleu en 2009 Alberto Núñez Feijóo e aseguraron que as súas respectivas formacións están preparadas para goberar. Porén, Rueda asegurou o contrario e, evitando referencias electorais, lanzou novos anuncios, como que a Xunta prorrogará a partir do 1 de xaneiro os descontos no transporte interurbano da súa competencia á espera do que decida o Goberno de España ao respecto.

Nacionalistas e socialistas aseguran estar preparados para gobernar mentres o popular apela a "seguir traballando con sentidiño para ser unha illa de estabilidade".

Pontón comezou a súa intervención asegurando que "esta é seguramente a ultima sesión de control da lexislatura" e lamentou que Rueda "déixanos unha Galicia peor que a que atopou". "A maioría dos galegos e galegas non pode chegar a fin de mes", dixo a nacionalista, ao que o presidente respondeu que ese non sería o caso da propia Pontón, á que criticou que, pola contra, "non xestionou nunca un euro público".

Porén, a nacionalista lembrou que "todos e todas estamos aquí elixidos por galegos e galegas que pensan diferente" e amosou o seu convencemento de que nas próximas eleccións decidirán abrir "unha nova etapa".

Ana Pontón nunha sesión de control á Xunta CC-BY-SA BNG

Pontón tamén asegurou na súa intervención que, aínda que prevé que as eleccións sexa inminentes, estas serán "cando Feijóo o mande", xa que ve aos populares galegos "teledirixidos desde a rúa Génova". Similar consideración fixo o socialista Álvarez, para quen "Ayuso chamará a Feijóo para dicir que se convoquen eleccións en Galicia, e Feijóo chamarao a vostede".

Nas súas respostas a Álvarez, e ao igual que fixo con Pontón, o presidente Rueda cargou contra o candidato socialista, Besteiro, no seu caso presentándoo como "home anuncio". Porén, Álvarez asegurou que "Besteiro consegue máis cousas para a nosa terra en meses que vostedes en anos". O socialista augurou tamén que "xa é hora de que o PP perda para que Galicia gañe" e emprazou a Rueda: "Vémonos nas urnas".

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, na sesión de control deste mércores CC-BY-SA PSdeG

Á espera desas eleccións Rueda asegurou que vai "seguir traballando con sentidiño para ser unha illa de estabilidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.