Nos días seguintes ás eleccións xerais a ministra de Facenda en funcións e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, explicou en declaracións a TVE que o financiamento autonómico será un dos asuntos sobre a mesa no marco das negociacións dos socialistas para tentar fiar unha nova maioría para a investidura de Pedro Sánchez. Montero matizou que, en calquera caso, a complexidade da reforma obrigaría a tratar a cuestión ao longo da lexislatura, con independencia do que agora pacten.
O sistema de financiamento autonómico vixente está caducado dende 2014 e as negociacións para a investidura reactivan o debate ao respecto
O Goberno de España chegou a formular o pasado 2021 unha proposta completa de novo modelo de financiamento autonómico. Isto é, para aprobar un novo sistema que substitúa o vixente, aprobado en 2009 aínda con José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa -e negociado, no caso galego, durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG-. Este sistema está caducado dende 2014, xa que o gabinete do PP de Rajoy non negociou en prazo un novo e o Executivo de Sánchez tampouco chegou a culminalo, malia presentar a proposta completa.
Estes antecedentes son clave para entender boa parte do debate xerado agora nun contexto no que, que segundo algunhas fontes, o PSOE mesmo se abriría a condonar unha parte dos fondos que adebeda Catalunya ao Estado pola débeda contraída a través do Fondo de Liquidez Autonómica, habilitado polo Estado en 2012 para financiar as autonomías con tipos de xuro máis baixos. A Xunta non acudira a el -optara por continuar saíndo aos mercados financeiros-, polo que o Estado non tería nada que perdoarlle a Galicia por esa vía.
O Bloque censura a "sobreactuación" do actual presidente e aposta por concretar a posición galega con demandas como lograr a cesión dunha maior porcentaxe do IVE ou do IRPF
Con todo este pano de fondo, BNG e PSdeG lamentan que as primeiras reaccións do actual presidente da Xunta ante a eventual actualización do financiamento autonómico pasen por cargar contra Catalunya e secundar a estratexia da dirección central do PP tras o 23X. A xuízo de ambas formacións, o tamén líder do PP galego debera atender máis a Galicia e menos a Alberto Núñez Feijóo.
Do punto de vista de Luís Bará, deputado do Bloque, "asistimos a unha auténtica sobreactuación de Rueda, que fala para a galería, mesmo con bágoas de crocodilo e enfoque electoralista", pero que teima no "silencio" sobre a concreción dun novo modelo de financiamento que remude o actual, "obsoleto e discriminatorio para Galiza". O BNG, pola contra -di-, reclama retomar no Parlamento a comisión sobre financiamento autonómico para alí rematar de fiar unha proposta galega de "mínimos" cara á futura negociación.

Así, sinala Bará, alén de que o Bloque "non renuncia a un modelo de concerto semellante ao de Euskadi e Navarra", coa actual "correlación de forzas" si formula unha "proposta alternativa" que implique, por exemplo, que os fondos cedidos do IVE e do IRPF pasen do 50% ao 90% ou que tamén sexa cedido o imposto de sociedades. Tamén propón, subliña, cambios nos criterios de financiamento por poboación para que o envellecemento pese máis.
Os socialistas lembran que o debate do novo financiamento polo momento "non existe como tal" e lamentan que Rueda semella centrado en "salvar ao soldado Feijóo"
O PSdeG, pola súa banda, advirte de que o debate dun novo financiamento "non existe como tal", xa que, matiza o seu vicevoceiro no Parlamento, Julio Torrado, neste momento "non existe proposta real de reforma". O que si cómpre lembrar, coida, é que o modelo aínda vixente foi "o negociado polos ex-presidentes Touriño e Zapatero, ambos socialistas" e que o fixeron "baixo críticas dos dirixentes do PP que agora o defenden".
"Cando se reforme realmente", di Torrado, o PSdeG espera que Rueda "defenda os intereses de Galicia tan ben como o fixemos os socialistas. Non obstante, lamenta, o actual presidente semella centrado en "salvar ao soldado Feijóo", xa sexa facendo "esforzos por branquear a ultradereita" ao de defender os pactos con Vox ou "vulgarizando" a institución da presidencia "cedendo o seu espazo en actos oficiais para darlle máis protagonista" ao seu xefe de filas. "Parece que só vai para levarlle a chaqueta a Feijóo", di o socialista sobre un Rueda ao que non ve "cómodo" no seu papel actual.