O candidato socialista presentou nas cidades de Vigo, Pontevedra, Ferrol e A Coruña as listas do PSdeG por esas dúas provincias
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, prometeu este sábado a gratuidade total das escolas infantís de 0 a 3 anos despois de que o Goberno de Feijóo veña de aprobar a gratuidade a partir do segundo fillo, pero non para as familias que só teñan un. O socialista tamén avanzou que se chega á Xunta recuperará un sistema de préstamo de libros de texto similar ao que Feijóo derrogou, substituíndoo por outro de axudas ás familias para despois recuperalo parcialmente.
Caballero tamén avanzou que se goberna “as primeiras matrículas nos graos das universidades públicas galegas non terán custe para os estudantes” e que desenvolverá “un programa de bolsas con fondos propios da Xunta para facer mestrados”. “Son propostas factibles e viables economicamente”, destacou o candidato socialista, quen salientou que a educación supón a vía para “igualar as posibilidades” de toda a cidadanía, independentemente de onde resida.
Caballero lanzou estas propostas en materia de educación nunha xornada a deste sábado na que presentou as candidaturas polas provincias de Pontevedra e A Coruña en sucesivos actos celebrados nas cidades de Vigo, Pontevedra, Ferrol e A Coruña.