Caballero insta a Feijóo a destituír "responsables incapaces" no Sergas ou o conflito sanitario pode "levalo por diante"

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

A sanidade é o principal foco de conflito nas áreas de xestión do Goberno galego neste inicio de 2019. Tras a multitudinaria manifestación de finais de decembro en Vigo, onde aínda ecoa a non aceptada dimisión dunha vintena de responsables de centros de saúde, a folga nas Urxencias do Clínico de Santiago e nos Puntos de Atención Continuada multiplican as frontes abertas, tamén no eido político, no que as forzas da oposición chegaron a dar por politicamente amortizado ao conselleiro Jesús Vázquez Almuiña e ao seu equipo.

Caballero coida que o Sergas evidencia o "fracaso como xestor" de Feijóo, cuxo ciclo político no poder ve "esgotado"

Este é o pano de fondo co que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, escenificou este martes o reinicio do curso político tras a paréntese das festas do nadal. A xuízo do líder socialista o presidente da Xunta non pode limitarse a negar o "deterioro" no Servizo Galego de Saúde, no que di observar o seu "fracaso como xestor". Cómpre que "rectifique", afirma o socialista, dende cuxo punto de vista esa emenda debera comezar con destitucións dos "responsables públicos que son incapaces de dar solución aos problemas" sanitarios.

Se Feijóo non o fai, advirte Caballero, a mobilización non vai cesar. Ao contrario. "Vai ser tan forte que pode levar por diante ao presidente da Xunta", considera nun contexto no que confía en que o ciclo electoral que abrirán as vindeiras eleccións municipais e europeas do 26 de maio "marquen o peche do ciclo de Feijóo" á fronte do Goberno galego, reflexionou nun almorzo informativo con xornalistas, no que dixo confiar en que o PSdeG logre "avanzar" en poder local.

Gonzalo Caballero, nun almorzo con xornalistas no reinicio do curso político CC-BY-NC-SA PSdeG

O líder do PSdeG ratifica que contará con Pedro Sánchez para a campaña das eleccións municipais

Coa data da súa incorporación ao Parlamento aínda como incógnita sobre a mesa -nas últimas semanas reiterou a súa intención de que se produza no novo período de sesións, antes do verán-, Caballero tamén comeza o ano marcando distancias cos dirixentes territoriais do PSOE que, segundo medios xornais editados en Madrid, prefiren evitar a Pedro Sánchez na campaña municipal. O PSdeG, ratifica, reclamará que o presidente do Goberno central apoie as súas candidaturas en actos previos ao 26M.

Coa vista posta neses comicios Caballero, como xa veu facendo nos últimos meses, di confiar en que os populares padezan o efecto da "fragmentación en tres" da dereita a nivel estatal. "O PP está sufrindo un retroceso político como non existiu dende a caída da UCD nos anos 80", analiza. No caso concreto de Galicia, o líder do PSdeG di percibir sinais de fin de ciclo, de esgotamento da xeira inaugurada polos populares en 2009. O presidente, ao seu xuízo, está "ausente e carece de proxecto, o que amosa un esgotamento na súa xestión política"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.