Casado acusa a Sánchez de “forzar os Reis a visitar a ditadura cubana” nun mitin con Feijóo, que xa foi dúas veces

Casado e Feijóo no mitin de Lalín deste sábado © PPdeG

“Nós non cremos na plurinacionalidade de España”, di o candidato do PP en Lalín, onde o líder dos populares galegos apela a reunificar o voto da dereita

“Vai forzar os Reis a visitar a ditadura cubana”. Esa foi unha das principais acusacións que este sábado lanzou o candidato do PP, Pablo Casado, ao presidente do Goberno en funcións e candidato do PSOE, Pedro Sánchez. Fíxoo en Lalín, no mitin central da campaña dos populares en Galicia, e ante Feijóo, que xa visitou en dúas ocasións Cuba reuníndose mesmo con Raúl Castro, como xa o fixera Manuel Fraga con Fidel.

Casado cargou en Lalín contra a primeira visita de Estado dun monarca español a Cuba, validada polo actual Goberno en funcións para a semana posterior ás eleccións xerais, coincidindo co 500 aniversario da cidade da Habana. Fíxoo ao tempo que intentaba identificar as políticas socialistas con diversas revolucións esquerdistas, argumento co que cargou tamén contra o modelo territorial socialista. “Nós non cremos na plurinacionalidade de España, cremos na nación española, que é diversa, é plural”, dixo Casado, obviando a consideración de Galicia, Euskadi e Catalunya na Constitución como nacionalidades históricas. O popular chegou a dicir que o desexo dos socialistas é facer de España “un Estado plurinacional, como a Bolivia de Evo Morales”.

Imaxe do mitin de Casado e Feijóo en Lalín © PPdeG

Casado prometeu que con el á fronte o Goberno central garantirá o AVE a Galicia, que xa está a piques de rematarse, e Catalunya “recuperará unha axenda de concordia”

No mitin, Casado prometeu que con el á fronte o Goberno central garantirá o AVE a Galicia, que xa está a piques de rematarse, e Catalunya “recuperará unha axenda de concordia”. Para facer realidade esas e outras moitas promesas, o popular asegurou que ten “as mesmas opcións para gobernar que Pedro Sánchez” xa que a súa formación tamén é quen de pactar con outros partidos. Porén, apelou a concentrar no PP o voto “do centro e a dereita” para evitar que a súa fragmentación poida beneficiar a Sánchez, do que dixo que non gaña en Galicia malia que os socialistas foron a forza máis votada nas xerais do 28 de abril.

“A única posibilidade de que teñamos unha España mellor e unha España distinta é votar o PP de Pablo Casado”, asegurou Feijóo, para quen "nin Vox nin Ciudadanos" van conseguir escanos en Galicia

ntes de Casado, no mitin de Lalín tamén interveu Feijóo, que centrou o seu discurso nesa apelación a reunificar o voto da dereita no PP. “A única posibilidade de que teñamos unha España mellor e unha España distinta é votar o PP de Pablo Casado”, dixo, tras lamentar que en anteriores comicios “perdemos os votantes do PP porque non fomos quen de manter unido o voto do PP”.

Feijóo asegurou que nestes novos comicios “nin Vox nin Ciudadanos van conseguir escanos no Congreso ou Senado por Galicia e os seus votos van favorecer directamente o PSOE”, do que dixo que “xa só lles queda agarrarse a que votemos divididos”. Dos socialistas o presidente da Xunta tamén dixo que “falan moito de si mesmos porque non queren falar dos problemas dos españois”, xusto antes de enumerar supostos logros do actual Goberno galego que el mesmo preside, como presentar “por once anos consecutivos os orzamentos en tempo e forma”, algo que xa viña ocorrendo desde anos antes.

Feijóo intervén no mitin de Casado en Lalín deste sábado Dominio Público @ppdegalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.