Catro de cada dez acordos do Parlamento son peticións ao Goberno de España, case o dobre que no último ano con Rajoy

Votación nun pleno do Parlamento en decembro de 2022 © Parlamento de Galicia

As iniciativas de impulso, mocións e proposicións non de lei, son aquelas nas que o Parlamento insta o Goberno a realizar unha determinada acción. Non son vinculantes -o Goberno non ten a obriga legal de cumprilas-, pero cando son aprobadas expresan a vontade do lexislativo e, as máis das veces, a orientación política da maioría gobernante.

No último ano con Rajoy gobernando no Estado, o 2017, o 60% das iniciativas aprobadas no Parlamento galego eran peticións á Xunta. O pasado 2022 foron apenas a metade do total

No caso do Parlamento galego a receptora habitual destas iniciativas de impulso é a Xunta, o Goberno ao que elixe a Cámara. Non obstante, é relativamente habitual que as mocións e proposicións aprobadas inclúan reclamacións tamén a outras Administracións. Nos últimos anos, nos que a cor política do Goberno de España mudou da dereita á esquerda mentres a do Goberno de Galicia se mantivo no PP, aumentou significativamente o número de peticións do Parlamento dirixidas ao Estado. No pasado 2022 foron xa case catro de cada dez, practicamente o duplo que no último ano completo co PP de Rajoy no Goberno de España.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices (PP), conversa durante un pleno con Montse Prado (BNG), vicepresidenta segunda da Cámara © Parlamento de Galicia

A principios deste mes de abril a Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias actualizou os seus datos sobre o "grao de cumprimento dos acordos aprobados no Parlamento", un informe que elabora anualmente ao abeiro da lei de transparencia de 2016. A análise dous dous períodos de sesións do pasado 2022 revela que a Cámara galega aprobou en pleno e comisións ata 233 destas iniciativas. Seis de cada dez tiveron o PP como autor orixinal e sete de cada dez recibiron o visto e prace por unanimidade -cos votos dos populares e tamén do PSdeG e do BNG-.

O pasado 2022 o Parlamento aprobou en pleno e comisións 233 destas iniciativas, segundo o informe de Relacións Parlamentarias. Sete de cada dez recibiron o visto e prace por unanimidade

Eses informes tamén detallan a que goberno se dirixen as iniciativas de impulso. "Cómpre ter en conta -especifica o referido a 2022- que aínda que os acordos parlamentarios se dirixen á Xunta como instancia de impulso, non sempre é a autonómica a Administración responsable final da execución das propostas". Neste contexto, o pasado ano a Xunta aínda foi a receptora da maioría das iniciativas de impulso (un total de 119, o que supón un 51,07%), pero un significativo 37,34%, 87 en total, dirixíanse ao Goberno de España. Mentres, unha vintena de acordos tiñan como obxecto materias con competencias compartidas e as restantes, instaban a concellos ou outras entidades.

Como amosa o gráfico que acompaña esta información, a diferenza do volume de acordos do Parlamento de Galicia dirixidos ao Goberno de España é obvia ao comparala co último ano completo no que o PP de Rajoy comandou o Executivo estatal, o 2017. O informe referido a ese ano recolle 284 acordos dos que seis de cada catro se dirixían á Xunta e pouco máis do 20%, un total de 63, ao Goberno de España.

O informe do ano 2020 recolle que un 42% dos acordos acadados se referían ao Goberno de España e o de 2021 sitúao no 35,43 % do total, en ambos casos porcentaxes superiores á do derradeiro ano de Rajoy. A Xunta non ten dispoñibles para a súa consulta os informes de 2018 e 2019.

A maior porcentaxe dos acordos aprobados refírense ao apoio aos sectores produtivos e ao emprego, seguidos da sanidade. A Xunta di de si mesma que o ano pasado cumpriu o 93% do que lle pediu o Parlamento

No que atinxe ao contido destes acordos, a maior porcentaxe (32,19%) dos aprobados durante 2022 refírense a "apoio aos sectores produtivos, dinamización industrial e protección do emprego", indica o informe. Séguenos os vinculados a temas de "sanidade e saúde pública" (13,30%) e, a maior distancia, os ligados a cuestións de "infraestruturas de abastecemento, de comunicación e mobilidade e telecomunicacións" (9,01%) e  de "familia, infancia, dependencia e discapacidade" (7,30%).

Neste informe, que elabora a propia Xunta e non desagrega as medidas, concretas, o Goberno di de si mesmo que o grao de cumprimento dos acordos parlamentarios é moi elevado, de ata un 93,99%. Sempre segundo o Executivo mesmo, cumpre ao 100% as peticións do lexislativo en eidos como sanidade, pensións, infraestruturas ou cooperación exterior.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.