En setembro un xulgado criticou a "inactividade" do Goberno galego durante unha década ante un edificio ilegal en Marín, e agora comeza a demolición presentándoa como exemplo do seu "compromiso de recuperar territorio protexido"
O pasado setembro un xulgado de Pontevedra condenou a Xunta a derrubar un edificio ilegal na praia de Lapamán, en Marín, sobre o que o propio Goberno galego emitira unha orde firme de demolición en 2013 que nunca executara. A sentenza criticou a "inescusable" demora e "inactividade" do Goberno galego, pero iso non impediu que este venres, no inicio das obras de demolición, a Xunta gabase estes traballos, obrigados polo xulgado, como exemplo do seu "firme compromiso co seu deber de recuperar o territorio especialmente protexido". Mesmo publicitou un vídeo coas obras que debeu acometer hai anos.
Segundo a sentenza emitida en setembro, o edificio, de dúas plantas e baixo cuberta, está en solo rústico de especial protección de costas, dentro das zonas de servidume de costas, augas e estradas. Malia estar inacabado, "unha parte utilízase polos seus propietarios como aparcamento de pago na época estival de praias".
É, en verbas do xuíz, un "grave atentado á paisaxe" nunha zona "de especial valor medioambiental e paisaxístico" e "nunha praia de gran afluencia turística, transmitindo unha pésima imaxe de Galicia". Malia esta realidade, a Axencia de Proteccion da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta, que emitira unha orde de demolición en 2013 confirmada en 2015 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) foi demorando a derruba.
A xustiza criticou a "excesiva lentitude" e "inactividade" da Xunta, que considerou "en todo punto inescusable", e agora o Goberno galego acomete os traballo obrigado por esa sentenza e publicítaos como "urbanismo responsable"
A APLU argumentou a "complexidade" da demolición, pero o xuíz desbotouno salientando que "a diferenza doutras execucións verdadeiramente complexas, aquí trátase dun edificio a medio facer", que "non está habitado" e no que a Xunta "só se tivo que entender cun único propietario". A sentenza tamén salientou que non se trata dunha demolición parcial, máis complexa, "senón de algo máis sinxelo: a demolición completa do edificio". Por iso, o xuíz censurou a "excesiva lentitude" da APLU, unha "inactividade" que considerou "en todo punto inescusable".
As obras de derruba obrigadas polo xulgado veñen de iniciarse nos últimos días e este venres foron visitadas pola directora da APLU, Victoria Núñez. A propia Xunta deu publicidade á visita e o inicio da demolición cun comunicado no que di que o Goberno galego "amosa o firme compromiso co seu deber de recuperar o territorio especialmente protexido, como exemplifica esta obra sen finalizar erixida sobre a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, xerando un forte impacto sobre a paisaxe".
A Xunta mesmo lembra que impuxo "varias multas coercitivas ao propietario para que executara a demolición", pero non di nada de que este seguise realizando unha actividade económica no lugar nin de que a administración foi demorando a derruba ata que a xustiza obrigou a acometela.
O Goberno galego incluso divulgou un vídeo da demolición salientando que esta vai "máis aló dun xesto técnico" e "é mostra do compromiso que temos co urbanismo responsable en Galicia". Un compromiso neste caso obrigado por un xulgado.