A Audiencia de Ourense sentenza ao socialista Gerardo Seoane a dous anos de cadea, un de inhabilitación como promotor de obras e multa de 2.500 euros por un delito contra a ordenación do territorio, e absólveo de prevaricación urbanística
A Audiencia Provincial de Ourense vén de condenar o alcalde de Verín, o socialista Gerardo Seoane, por un delito contra a ordenación do territorio por unhas obras municipais executadas a carón dunha igrexa sen licenza nin permiso de Patrimonio. A sentenza establece dous anos de cadea, un de inhabilitación como promotor de obras e multa de 2.500 euros por un delito contra a ordenación do territorio, e absólveo de prevaricación urbanística.
Segundo os feitos probados da sentenza, en febreiro de 2019, sendo xa alcalde Seoane, o Concello de Verín realizou diversas obras na contorna de protección da igrexa de San Bartolomé de Queirugás e dos seus muros circundantes, tamén protexidos. Traballos que incluíron a demolición de restos dunha edificación, levantado do firme existente na rúa, movementos de terra e reconstrución de muros.
Un técnico da Consellería de Cultura visitou as obras e requiriu ao Concello a paralización cautelar das mesmas. A consellería chegou a pedir "o auxilio da Policía Autonómica para entregar ao acusado a notificación do informe antedito, continuando coa execución das obras a sabendas da ilegalidade das mesmas". Unha afirmación que se fai seguida da constatación de que Seoane é "arquitecto de profesión, aínda que desempeña funcións de alcalde".
No xuízo contra Seoane, celebrado a comezos deste mes, a Fiscalía pedía que Seoane fose condenado por delitos contra a ordenación do territorio e prevaricación urbanística, con penas de 3 anos de cadea por cada delito, 3 anos de inhabilitación para oficio relacionado coa construción, 12 anos de inhabilitación para cargo público e 6.500 euros de multa. Porén, finalmente a Audiencia condénao só por delito contra a ordenación do territorio a 2 anos de cadea, un ano de inhabilitación como promotor de obras e multa de 2.500 euros.
A sentenza considera probado que "o acusado acordou por si mesmo a execución indebida de determinadas obras que necesitaban proxecto técnico, licenza municipal e autorización da Consellería de Cultura, sen obtela". Pero non considera probada a prevaricación, que entre outros ten o requisito de que o acusado teña "vontade" e "coñecemento de actuar en contra do dereito".