Repasamos algunhas das últimas sentenzas penais contra persoas que non cumpriron coa súa obriga de presentarse no colexio electoral en comicios como os que agora se van celebrar
"O Presidente e os Vogais das Mesas Electorais así como os seus respectivos suplentes que deixen de concorrer ou desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigas de escusa ou aviso previo incorrerán na pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses". Así o establece o artigo 143 da lei electoral, que considera delito penal non atender a convocatoria como integrante dunha mesa electoral. Un delito que adoita penarse con multas no rango inferior do abano establecido pola lei, arredor dos mil euros, pero que a xustiza gradúa en función das circunstancias de cada caso, como deixan patente algunhas das sentenzas emitidas ao respecto nos últimos anos en Galicia.
Admitir a culpabilidade permite negociar a multa á baixa
Como en moitos outros delitos, admitir a súa comisión adoita permitir ao culpable negociar coa Fiscalía unha rebaixa da pena. Así o reflicte unha sentenza emitida en marzo de 2022 pola Audiencia Provincial de Lugo sobre o caso dun mozo de 27 anos que foi convocado como vogal segundo nunha mesa electoral de Láncara para as eleccións municipais e europeas de maio de 2019. "Pese a ser coñecedor de tal designación e das obrigas inherentes á mesma, o acusado non acudiu o día sinalado á constitución da mesa electoral que lle fora asignada, sen que conste causa xustificativa de tal ausencia", establece a sentenza.
Pero a sentenza tamén reflicte que o acusado chegou a un acordo coa Fiscalía e a súa condena quedou en 6 meses de multa con cota de 10 euros diarios, o que lle supuxo uns 1.800 euros.
O despiste como eximente se non se proba que foi á mantenta
Como delito que é, condenar a alguén por non ir a unha mesa electoral debe contar coas garantías habituais do dereito penal. Así, en abril de 2021 a Audiencia de Lugo arquivou a causa contra un home que fora citado para unha mesa electoral en Rábade nas eleccións xerais de 2019. O home presentouse no colexio electoral, onde estivo falando con varias persoas, entre elas axentes da Garda Civil, pero marchou de volta para a súa casa despois de que supostamente non o chamasen a sentar na mesa para a que fora convocado.
O tribunal considerou que "aínda no caso de que existise o repetido chamamento" para sentar na mesa e o acusado non contestase "iso non suporía unha presunción de voluntariedade de incumprimento da obriga da súa presentación no lugar de constitución da mesa electoral, voluntariedade ou ánimo de incumprimento que, no caso, non se aprecia".
Estar drogado tras ser coñecedor da obriga non exime de cumprila
Un vogal dunha mesa das municipais de 2015 multado cuns mil euros argumentou que non recibira contestación ás súas alegacións, pero no xuízo admitiu que se puxera nervioso cando soubo que llas denegaran e tomou un opiáceo que lle impediu coller o coche
En decembro de 2016 a Audiencia de Lugo emitiu unha sentenza coa que condenou a un cidadán a seis meses de multa con cota diaria de seis euros (uns mil euros), e inhabilitación para o sufraxio pasivo durante ese tempo, por non presentarse como primeiro vogal nunha mesa das eleccións municipais de 2015. Non apareceu malia que a Xunta Electoral denegara por dúas veces as escusas que formulara para non acudir.
A sentenza relata como o implicado intentou argumentar que non se lle comunicaran as resolucións denegatorias das súas escusas para non asistir á mesa. Porén, o tribunal desbota esa argumentación salientando que no propio xuízo o acusado declarou que cando lle chegou a denegación se puxera nervioso. A sentenza reflicte como o cidadán relatou tanto na instrución do caso como no xuízo que se desprazara a xogar un torneo de golf a Mondariz, onde sufriu un ataque de nervios e tomou un opiáceo que lle impediu coller o vehículo, o que fixo ao día seguinte coa intención de ir á mesa ás oito da mañá, pero que “non puido acudir polo exposto”. O xulgado entendeu que esas declaracións ratificaban que o implicado era coñecedor da desestimación das súas alegacións e da súa obriga de acudir á mesa electoral, polo que o condenou.
Mil euros, multa adecuada para un mileurista
O segundo suplente do presidente dunha mesa de Ribeira nas xerais de 2011 argumentou que era mileurista para que lle rebaixaran a multa e o tribunal considerou "proporcional" multalo con mil euros
En xuño de 2015 a Audiencia da Coruña con sede en Santiago ratificou unha condena previa dun xulgado do Penal de Santiago de outubro de 2014 contra un cidadán que non acudiu nas eleccións xerais de novembro de 2011 a unha mesa en Ribeira na que estaba citado como segundo suplente do presidente. Entre outras cuestións, no seu recurso o cidadán tentaba rebaixar a sanción imposta, de seis euros por día durante seis meses, un total duns mil euros.
A Audiencia ratificou a contía argumentando que a multa se establecera “no seu límite mínimo” e era proporcionada “á capacidade económica media” e á do implicado, que declarara que “presta servizos remunerados e que gaña uns 1.000 euros, cantidade esta que fai posible establecer unha cantidade de 6 euros por día como cantidade proporcional á súa capacidade económica”.
O condenado e despois absolto por estar embarcado
Un cidadán de Noia segundo suplente de presidente dunha mesa nas xerais de 2011 foi condenado inicialmente a un mes e 15 días de cadea e finalmente absolto por demostrar que estaba embarcado como mariñeiro
No extremo contrario, a mesma Audiencia da Coruña con sede en Santiago rectificou, nunha sentenza de marzo de 2017, unha condena previa de setembro de 2016 dun xulgado do Penal contra un cidadán de Noia que non acudira, como no anterior caso, como segundo suplente de presidente a unha mesa tamén de Ribeira e tamén nas xerais de 2011. O primeiro xulgado condenara o implicado a un mes e 15 días de cadea, pero recorreu e a Audiencia estimou o seu recurso porque “o apelante atopábase embarcado en alta mar, en augas do Extremo Oriente, durante o proceso electoral”.
A Audiencia relata como a súa muller, cando chegara ao seu domicilio a comunicación informándoo de que tiña que acudir á mesa electoral, presentara as súas alegacións de xeito erróneo, “pero iso non resulta imputable penalmente ao acusado, pois o seu afastamento xeográfico e as súas limitadas capacidades de comunicación, ao estar embarcado, considéranse causa xustificada á hora de excluír a sanción” prevista na lei electoral.