A primeira pregunta ao presidente de Armando Ojea, o deputado logrado por Jácome nas eleccións galegas de febreiro, supuxo deixar sen intervención ao PSdeG
Hai anos que na cidade e na provincia de Ourense a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome e o PP veñen apoiándose mutuamente cando así é necesario para manter as súas cotas de poder, ou absténdose cando non é preciso máis que iso. Nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro Jácome aspiraba a ser tamén determinante na política galega, pero o escano que logrou no Parlamento co 1% dos votos totais quedou devaluado pola maioría absoluta reeditada por Alfonso Rueda.
Ese escano de DO, ocupado por Armando Ojea, que foi vicepresidente da Deputación con Manuel Baltar, tivo este mércores dereito á súa primeira intervención nunha sesión de control á Xunta, as preguntas que lle poden formular directamente ao presidente Rueda os portavoces dos grupos parlamentarios. Unha quenda de Ojea que supuxo deixar sen intervención ao socialista José Ramón Gómez Besteiro, cuxo grupo critica que PP e BNG optasen por dar a DO unha quenda en detrimento do PSdeG en lugar de permitir que unha vez cada varios meses fosen tres en lugar de dous os grupos que preguntan.
Na súa intervención, Ojea optou por un perfil baixo e, lendo en todo momento e tras criticar que Ourense está a recibir menos investimentos que outras provincias, preguntou a Rueda "que actuacións ten previsto en 2025 e en futuros orzamentos para reverter esta discriminación". Unha formulación aberta que Rueda agradeceu, celebrando incluso "o ton da pregunta", e que facilitou que o presidente presumise de investimentos en Ourense.
Segundo Rueda, a Xunta está a investir en Ourense "mil euros máis por habitante que na media global de Galicia". Unha frase que acompañou dunha longa listaxe de investimentos concretos en centros de saúde, colexios ou estradas. O debate de baixa intensidade con Ojea permitiu tamén a Rueda criticar a falta de investimentos do Goberno de España en Ourense.
Na sesión de control deste mércores Rueda e Pontón reiteraron as súas posicións sobre Altri, co presidente deixando en mans dos técnicos a responsabilidade sobre a validación da fábrica
Na sesión de control deste mércores tamén interveu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun debate que centrou en criticar o apoio da Xunta ao proxecto de Altri en Palas de Rei e en salientar a contestación social evidenciada na manifestación celebrada o pasado domingo en Santiago. Tanto Pontón como Rueda reiteraron os seus respectivos argumentos, críticos co proxecto no caso da nacionalista e deitando nos técnicos a responsabilidade sobre a súa validación ou non no caso do popular.