Desembarco de ministros e ex-ministros en Galicia para impulsar a Besteiro de cara á última semana de campaña

Salvador Illa e Gómez Besteiro, facendo orellas en Ourense CC-BY-SA PSdeG

Catro ministros socialistas e un ex-ministro do Goberno de España acudiron nas últimas horas a Galicia en apoio do PSdeG e do seu candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. Un desembarco que pretende darlle un impulso á campaña do aspirante e deputado para unha última semana de campaña que se prevé decisiva de cara ao 18F. 

Se na noite do xoves foi a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, a que acompañou o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso nun mitin en Betanzos, na mañá deste venres foi o líder do PSC e ex-ministro de Sanidade, Salvador Illa, quen acudiu a Ourense xunto a Besteiro. 

Salvador Illa e Gómez Besteiro, nun acto de sanidade en Ourense CC-BY-SA PSdeG

Antes de que ambos afrontasen nun acto o futuro da sanidade en Galicia e no Estado na capital das Burgas, Besteiro convidou a Illa a cociñar orellas de Entroido nun restaurante, nun acto organizado polo medio OU ké (@ouke_gal), que xunto0u os dous políticos a amasar e fritir esta sobremesa típica da época.

Besteiro convidou a Illa a facer orellas de Entroido en Ourense antes dun acto no que prometeu "sacar a sanidade galega da súa maior crise en 20 anos" 

A continuación, Besteiro, prometeu "sacar a sanidade galega da maior crise que sofre en 20 anos, como fixo Illa na pandemia e Touriño na Xunta". Fíxoo nun acto no que presentou o seu plan de rescate e onde atendeu as demandas de numerosos colectivos sanitarios da provincia de Ourense. “Cando sexa presidente da Xunta, haberá un prazo máximo de 48 horas para a cita co médico de cabeceira, Saúde Mental na Atención Primaria e 122 concellos de Galicia sen Pediatría disporán do servizo”, explicou, ademais de lembrar que o seu programa de goberno inclúe a apertura ao 100% dos centros de saúde e a mellora do sistema de transporte sanitario urxente, entre outras medidas.

O ministro Bolaños presenta a Besteiro como un home "con influencia en Madrid" e contrapono a Rueda, ao que acusa de "non colaborar" co Goberno central

Ademais, en Boiro, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, participou nunha reunión co sector pesqueiro e industrial ao que asistiron tamén o alcalde da localidade, José Ramón Romero, e os candidatos socialistas pola provincia da Coruña, Julio Abalde e María Outeiral. 

Máis ao norte, na Mariña, foi o ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Xustiza, Félix Bolaños, quen pediu unha "mobilización máxima" do voto progresista o vindeiro 18F. En Viveiro, xunto a alcaldesa, María Loureiro, e o presidente da Deputación, José Tomé, gabou un Besteiro do que dixo ser un home "capaz", "competente" e "con influencia en Madrid". E fíxoo en contraposición ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do que acusou de "non colaborar" co Goberno central e "dedicarse só a facer oposición". 

Ao igual que noutras ocasións outros membros do Goberno central, Bolaños insistiu nunha idea que tanto Besteiro como o PSdeG tratan de meter na campaña como unha vantaxe única do seu aspirante á Xunta: a súa boa sintonía, influencia e colaboración co Executivo central. 

Antes, Bolaños visitou a cooperativa CLUN en Ribadeo para logo acudir a un acto en Foz e outro en Barreiros. E xa á noite, era a ministra de Eduación, FP e Deportes e portavoz do Goberno de España, Pilar Alegría, quen tiña cita nun mitin no Barco xunto ao alcalde da localidade, Alfredo García, e varios integrantes da candidatura socialista por Ourense. 

Todo nunha xornada na que tamén Pedro Sánchez estivo en Galicia, aínda que en calidade de presidente do Goberno de España, antes de participar este sábado nun mitin en Vigo. Un día antes, na Coruña, acudiu ao Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) nun acto de conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Alí anunciou a creación dunha Oficina Nacional de Asesoramento Científico para coordinar o coñecemento e mellorar a toma de decisións e o deseño das políticas públicas. 

A ministra Diana Morant, nun acto do PSdeG en Betanzos CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.