"Este 23 de xullo a xente moza que vive neste país xógase moito, e por iso eu quero pedirlle que vote coa cabeza e co corazón en Galiza", afirmou Pontón
Segundo día de campaña para as eleccións xerais do 23 de xullo e os líderes dos partidos en Galicia continúan acompañando a candidatas e candidatos polas provincias. Este sábado, concretamente, coincidiron na provincia de Pontevedra, onde mañá se celebrará un dos actos centrais do PP de Feijóo desde a praza de touros da capital.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou nun acto de Galiza Nova en Pontevedra con mocidade no que reivindicou o dereito a traballar e vivir nunha Galiza "tolerante, inclusiva, diversa, na que cada quen poida ser o que queira". Xunto aos candidatos por Pontevedra e Lugo, Carme da Silva e Daniel Castro, a líder nacionalista trasladoulle aos mozos e mozas que a súa formación vai "deixarse a pel" para "pelexar por unha Galiza" na que poidan desenvolver os seus proxectos de vida.
"Este 23 de xullo a xente moza que vive neste país xógase moito, e por iso eu quero pedirlle que vote coa cabeza e co corazón en Galiza, que pelexe por un futuro mellor, que pelexe porque aquí teñamos oportunidades, por acabar coa emigración, por uns servizos públicos de calidade e unha política de vivenda que poña no centro as necesidades da xente moza. Iso é o que queremos ir defender en Madrid desde o BNG, por iso queremos un grupo galego forte, para darlle futuro á mocidade aquí", salientou Pontón.
"Despois non choremos e non teñamos que encher as rúas con manifestacións que non valerán de nada", dixo Formoso
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un chamado a aglutinar o voto útil "nunha bandeira e un capitán de barco que sexa o PSOE" dirixido por Pedro Sánchez como única vía para impedir que se aplique o programa da extrema dereita. Formoso participou nun xantar coa militancia en Barro (Pontevedra) con candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado como David Regades, María Adrio ou Paula Fernández Pena.
"Despois non choremos e non teñamos que encher as rúas con manifestacións que non valerán de nada", incidiu o líder dos socialistas galegos. Formoso pediu o apoio de galegos e galegas "no momento máis crítico da historia" para "non desperdiciar ningún voto", e apuntou que nas últimas eleccións xerais houbo en Galicia 96.000 votos que foron a parar a formacións de esquerda que no obtiveron representatividade.
"Mañá a praza de touros de Pontevedra será a praza de todos e o comezo do cambio que España necesita", sinalou Prado
Aínda resoan as similitudes da campaña que está a facer Alberto Núñez Feijóo para este 23X coas campañas das eleccións galegas que vén facendo desde 2009. Así o lembrou este sábado a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que acudiu á praza de touros de Pontevedra para supervisar os traballos de montaxe do acto central de campaña do PP que se celebrará este domingo. A praza é un "emblema e talismán" para o partido "onde se fraguaron as vitorias de Alberto Núñez Feijóo en Galicia desde 2009".
"Mañá a praza de touros de Pontevedra será a praza de todos e o comezo do cambio que España necesita", aseverou Prado, acompañada polos candidatos da Coruña e Pontevedra, Pedro Puy e Ana Pastor, e do presidente da Deputación de Pontevedra Luis López. "O 23 de xullo hai dúas opcións: votar a Feijóo ou votar ao sanchismo e ao Goberno Frankestein que tantos desgustos, malestar e enfrontamentos provocou", advertiu Ana Pastor.
Sumar Galicia propón ampliar o plan de consolidación do Sistema Galego de Dependencia e dotalo de maior inversión
Verónica Martínez Barbero, candidata de Sumar Galicia ao Congreso por Pontevedra, propón ampliar o plan de consolidación do Sistema Galego de Dependencia iniciado nesta lexislatura e dotalo de maior inversión. Nunha xuntanza con traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF) en Vigo asegurou que a coalición quere "que entre 2024 e 2027 a inversión do Estado en Galicia sexa dun total de 6.000 millóns de euros, dos cales 1.000 serán para dependencia". Unha achega que estará condicionada, segundo agregou, a "reducir as listas de espera" para "mellorar a calidade da atención ás persoas dependentes".