Rueda anuncia un novo treito do corredor do Baixo Miño, prometido hai 20 anos por un Feijóo que ás portas das eleccións que sacarían a Fraga da Xunta aseguraba que poría en servizo o Metro de Vigo en 2009
O presidente do Goberno galego e candidato do PP, Alfonso Rueda, anunciou no Consello da Xunta deste xoves, a só tres días das eleccións do 18F, a aprobación do trazado dun novo treito da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda. Unha infraestrutura prometida por Feijóo cando era conselleiro no marco do Plan Galicia da Xunta lanzado tras o afundimento do Prestige e que dos seus 25 quilómetros previstos só ten en servizo 10.
O anuncio feito a poucos días das eleccións contrasta co que hai dúas décadas lanzaba o daquela conselleiro Feijóo a seis días dos comicios do 19 de xuño de 2005 que sacarían a Fraga da Xunta: unha liña de Metro en Vigo que estaría en servizo 2009.

A vía Tui-A Guarda da que este xoves Rueda anunciou a aprobación dun novo treito foi incluída por Feijóo como conselleiro no seu Plan Galicia de infraestruturas tras o afundimento do Prestige. Dos seus 25 quilómetros só están en servizo os 10 finais, entre Goián e A Guarda, inaugurados en 2014. O seu enlace inicial coa A-55 en Tui está a piques de rematarse, pero o seu primeiro treito, duns 3 quilómetros, leva anos a medio construír logo de que a Xunta paralizase as súas obras pola crise hai unha década.
No medio é onde se sitúan os algo menos de dez quilómetros, cun custo duns 78 millóns de euros, para os que o Consello aprobou este xoves o trazado definitivo. Ou o que se espera que esta vez sexa o trazado definitivo, porque a propia Xunta lembrou que o treito xa contaba cun trazado aprobado anteriormente e agora descartado.
O principal cambio a respecto da idea inicial da Xunta será que o treito intermedio agora aprobado xa non enlazará directamente co treito final ata a Guarda que xa está en servizo senón que rematará uns dous quilómetros antes. No medio, neses dous quilómetros, a Xunta limitarase a ampliar carrís da estrada convencional actual renunciando así a parte da súa promesa de hai dúas décadas dunha vía de novo trazado entre Tui e A Guarda.
Fronte ao anuncio de Rueda deste xoves, a tres días do 18F, de impulso da vía Tui-A Guarda prometida hai dúas décadas, un dos anuncios máis significativos de infraestruturas nas últimas xornadas dunha campaña electoral galega foi o que lanzou Feijóo en 2005 a seis días dos comicios daquel ano.

Como conselleiro de Obras Públicas deu unha rolda de prensa no Concello de Vigo, acompañado pola daquela alcaldesa, a tamén popular Corina Porro, na que asegurou que construiría unha liña de Metro na cidade que estaría "en servizo no segundo semestre de 2009", ano para o que xa prognosticaba 30.000 viaxeiros. Custaría 356 millóns de euros.
En 2012 a Xunta argumentaba que a crise facía imposible atopar cartos para os metros, que nesta campaña só promete Sumar asegurando que en Vigo e A Coruña estarán en servizo "antes do remate da vindeira lexislatura"
En 2009, cando Feijóo volveu á Xunta xa como presidente, encargaría varios estudos para infraestruturas similares non só en Vigo senón tamén na Coruña e Santiago. Documentos que acabaron incluíndo, sen citar as fontes, parágrafos idénticos entre eles e idénticos a entradas da Wikipedia ou de estudos académicos colgados en internet. Aqueles estudos chegaron en 2011 á fase de inicio da súa avaliación ambiental, pero xa non se volveu saber deles e un ano máis tarde, en 2012, o daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciaba que a crise facía imposible atopar cartos para os metros: nin a Xunta tiña os cartos nin sería posible atopar ningunha empresa que os adiantase.

Outra década máis tarde, o último anuncio da Xunta antes da campaña electoral en materia de infraestruturas limítase a avanzar cunha estrada adiada desde hai 20 anos. O Metro, desta volta, só o promete Sumar, que barallando uns prazos similares aos que esgrimira Feijóo en 2005 asegura que será quen de poñer en servizo esa infraestrutura en Vigo e A Coruña "antes do remate da vindeira lexislatura".