Dúas consellerías organizan un acto nun pazo para asinar un acordo entre elas para cumprir o pacto de Estado contra a violencia de xénero

María Jesús Lorenzana e José González, asinando o convenio entre cadansúas consellerías sobre a aplicación do xa vixente Pacto de Estado contra a violencia de xénero CC-BY-SA Xunta

A titular de Igualdade e o de Medio Rural desprázanse a 15 quilómetros de San Caetano para escenificar a sinatura de medidas xa en marcha

A Xunta incluíu este mércores na súa axenda pública un acto no pazo de Quián, en Boqueixón, a 15 quilómetros da sede de San Caetano, para escenificar a sinatura dun “acordo de colaboración” entre dúas consellerías do mesmo Goberno galego, a de Emprego e Igualdade e a de Medio Rural, “para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero”, aprobado en 2017 por todo tipo de administracións. 

Os titulares de Emprego e Igualdade e Medio Rural, xunto coa secretaria xeral de Igualdade e a directora xeral da Agader, no Pazo de Quián CC-BY-SA Xunta

Fronte á escenificación da sinatura deste mércores, a propia Xunta salientou que este non é o primeiro acordo entre as dúas consellerías para o mesmo fin senón que "é o terceiro ano que o asinamos" e supón “renovar” un compromiso de loita conxunta dos dous departamentos contra a violencia de xénero que cuantifica en “250.000 euros, máis do dobre con respecto ao acordo asinado en 2019”. 

“Aunamos esforzos por terceiro ano consecutivo co obxectivo de mellorar a prevención da violencia sobre as mulleres do rural”, di a conselleira de Emprego e Igualdade

Ata o pazo de Quián, que a Xunta presenta como "espello do rural", desprazáronse a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, o conselleiro de Medio Rural, José González, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. “Aunamos esforzos por terceiro ano consecutivo co obxectivo de mellorar a prevención da violencia sobre as mulleres do rural”, dixo a conselleira de Igualdade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.