En Marea apela ao espírito das mareas municipais na recta final da campaña do 28A

Villares e aspirantes de En Marea a Congreso e Senado, no mitin da formación en Santiago o 25 de abril CC-BY-SA EM

Un dos eixos da campaña de En Marea, a primeira da formación como tal nunhas eleccións xerais, foi reivindicarse como herdeira do espírito dos procesos políticos que tiveron como primeiro gran éxito as eleccións municipais do ano 2015. Este, precisamente, é o argumento ao que apelou a organización encabezada por Luís Villares na recta final da campaña en dous dos epicentros daquelas municipais, A Coruña e Santiago.

Villares e membros das candidaturas de En Marea Congreso e ao Senado pecharon a penúltima xornada de campaña cun mitin na capital galega salferido de caraveis en homenaxe ao cuadraxésimo quinto aniversario da Revolução dos Cravos. "O pobo é quen máis ordena", parafraseou o voceiro para afirmar que, de lograr representación, En Marea situará "as problemáticas de Galicia no centro do debate político" e, por extensión, tamén as cuestións municipais.

Villares apelou na Coruña e Santiago ao traballo das mareas municipais que, asegura, En Marea pode trasladar tamén á política estatal

"En Marea será a defensora en Madrid do cento de mareas locais que van cambiar Galicia nas vindeiras eleccións municipais", afirmou Villares en referencia ás candidaturas acubilladas baixo as siglas desta formación. Pero tamén "defensora do traballo de Compostela Aberta e da Marea Atlántica". Ambas formacións locais, considera, representan apostas que tamén son de En Marea o 28A. 

"Como fixo Compostela Aberta en Santiago, En Marea quere acabar coa corrupción do PP", exemplificou. Agora "queremos sumar, participar da gobernabilidade do Estado" para "mellorar dereitos" cidadáns sen "ser un cheque en branco", resalta Villares.

Un intre do mitin de En Marea en Santiago o 25 de abril de 2019 CC-BY-SA EM

En Marea afirma que os seus posibles acordos no Congreso pretenderán "recuperar dereitos e avanzar na senda da xustiza social"

Nun sentido semellante pronunciouse no mitin compostelán a cabeza de lista de En Marea pola Coruña ao Congreso, Ana Seijas. "En Marea será a voz dos concellos galegos en Madrid", proclama Seijas, quen esgrime a súa propia experiencia a nivel de política e activismo municipal. Tamén Mariló Candedo, aspirante ao Senado, reivindica o municipalismo e a axenda galega no novo debate estatal. "Temos que ter voz propia e soberana para sermos produtivos na construción doutro modelo territorial de Estado" mediante "acordos en pé de igualdade" con outras formacións, sinalou.

Eses acordos, resalta Candedo, pretenderán pola banda de En Marea "recuperar dereitos e avanzar na senda da xustiza social", por exemplo, "mediante uns orzamentos que inclúan financiamemnto suficiente para pensións, prestacións sociais e dependencia". "Ese -advertiu- é o espazo de En Marea, aí reside a nosa forza, axudar na conformación de maiorías de progreso e de xustiza social que impidan a continuidade e a radicalización de políticas conservadoras e recentralizadoras".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.