- Ocultacións de Adif e Renfe, lentitude xudicial e intereses políticos dificultan as respostas sobre Angrois cinco anos despois
- VÍDEO | “A maquinaria do Estado traballou para eximir os neglixentes, chegou a hora de que asuman a súa responsabilidade”
O número 2 dos populares galegos di que a súa forma de respectar as vítimas é “respectar un proceso xudicial que está en marcha”
Os tres partidos da oposición en Galicia, En Marea, PSdeG e BNG, coincidiron este luns, un día antes do quinto aniversario do accidente de Angrois, en apoiar as peticións de respostas a todas as dúbidas que aínda teñen as vítimas sobre as responsabilidades penais e políticas do sinistro. Pola contra, o PP galego limitouse a pedir aos outros tres grupos que non fagan “política da mala” e asegurou que o seu xeito de respectar as vítimas é “respectar un proceso xudicial que está en marcha”.
Segundo o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, “Galicia segue conmocionada” polo accidente de Angrois e para ser respectuosos coas familias e amigos dos falecidos “non se pode facer política con todo”. Tellado lembrou que “hai aberta unha investigación xudicial, compre ser moi respectuosos con ela” xa que “son os xuíces os que teñen que determinar quen son os responsables”. “A nosa forma de respectar as vítimas e as súas familias é respectar un proceso xudicial que está en marcha”, asegurou, obviando os impedimentos que a súa formación puxo ao longo destes anos a esa investigación.
Villares pide que se inhabilite "o discurso político dos recortes, da carreira electoral por inaugurar obras e do oportunismo político”
O portavoz de En Marea, Luís Villares, defendeu as reclamacións de “memoria, verdade e xustiza” das vítimas e salientou que por primeira vez en cinco anos existe unha comisión de investigación no Congreso” creada a petición entre outros do seu grupo. Alí, dixo, agarda que “se depuren responsabilidades políticas e “que quede inhabilitado politicamente o discurso político dos recortes, da carreira electoral por inaugurar obras e do oportunismo político”.
O BNG cre que "se hai algunha esperanza de que se resolva a investigación é pola vía europea"
Por parte do BNG, a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, compareceu en rolda de prensa coa eurodeputada Ana Miranda, que vén actuando de feito como representante das vítimas ante as institucións comunitarias. “Se hai algunha esperanza de que se resolva a investigación é pola vía europea”, salientou Miranda, que lembrou sucesivos informes da Axencia Ferroviaria Europea, en cuxa divulgación foi clave o BNG, que facilitaron en 2016 reabrir a instrución xudicial e hai un mes ratificar as sospeitas dos xuíces que Adif e Renfe non avaliaron o risco da curva de Angrois como esixía a normativa comunitaria. Pola súa banda, Pontón criticou que tras o accidente PP e PSOE considerasen “mais importante protexer a Ana Pastor e José Blanco” que pescudar todo o que rodeou o accidente. A portavoz do BNG tamén insistiu en que a súa formación segue a reclamar unha comisión de investigación tamén no Parlamento de Galicia que ao seu xuízo trataría as vítimas mellor que a creada no Congreso.
Leiceaga considera que "aínda hai asuntos por resolver" na comisión política do Congreso
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, admitiu que “aínda hai asuntos por resolver” na comisión de investigación política creada no Congreso e pediu, tras catro anos de bloqueo por parte do PSOE, que se “facilite e impulse” o seu traballo para que “chegue ao fondo”.
PSdeG e BNG criticaron tamén que cinco anos despois non está aínda instalado na curva de Angrois o sistema ERTMS de control constante da velocidade dos trens. Porén, xa si está reparado a bordo dos Alvia, polo que pode frear de xeito automático antes da curva se o maquinista non o fai, e poucos días despois do accidente tamén se instalaron nas vías balizas do sistema convencional ASFA que impiden que un tren poida volver circular pola zona con exceso de velocidade.