"Erros" no proxecto e "paralización": así rematou en 2021 un treito do AVE galego previsto para 2014

Obras do AVE nas proximidades do Padornelo en 2018 e sentenza da Audiencia Nacional que constata sucesivas prórrogas aprobadas por Adif no treito Lubián-Túnel da Canda CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Nacional rexeita que Adif esixa indemnización a unha construtora porque foi a administración quen "aprobou un total de 10 prórrogas, por un total de 80 meses máis dos 29 inicialmente previstos"

En 2020 o Tribunal de Cuentas desvelou como Adif paralizara obras do AVE entre Galicia e a Meseta de xeito irregular nos anos anteriores, con gobernos do PP durante os que se deberan acometer o groso dos traballos. Pero nos últimos anos diversas sentenzas froito de demandas cruzadas entre esa empresa pública e construtoras de diversos treitos veñen constatando que as paralizacións e demoras das obras, aínda que atribuíbles no groso aos anos de gobernos populares, continuaron tamén durante os gobernos do PSOE. 

Así o reflicte agora unha nova sentenza da Audiencia Nacional que dá a razón a unha construtora e rexeita que teña que indemnizar a Adif por sucesivas demoras dun treito previsto para 2014 que non foi rematado ata 2021, cando se puxo en servizo a liña entre Ourense e a Meseta. Foi a propia administración, salienta a sentenza, quen "aprobou un total de 10 prórrogas, por un total de 80 meses máis dos 29 inicialmente previstos".

Obras do AVE na provincia de Ourense en xaneiro de 2020 CC-BY-NC-SA Praza Pública

A sentenza agora feita pública pola Audiencia Nacional anula a imposición de indendemnizacións por 9,4 millóns de euros por parte de Adif á unión temporal de empresas que construíu o treito entre Lubián e o túnel da Canda. Ese treito foi adxudicado a finais de 2011 por 79,7 millóns de euros, máis IVE, cun prazo de execución de 29 meses e con data prevista de finalización en maio de 2014. Porén, non foi rematado ata comezos de 2021, para ser posto en servizo xunto co resto de treitos entre Zamora e Ourense o 20 de decembro dese ano.

Adif non foi quen de xustificar as prórrogas máis alá de argumentar de xeito xenérico que se debían á mala organización da construtora, segundo constata a xustiza

A sentenza recolle unha longa lista de "causas que motivaron as ampliacións de prazo", entre elas: "erros, imprecisións e omisións no proxecto construtivo"; "falta de dispoñibilidade de terreos, acceso e vertedoiros"; "paralización dos traballos correspondentes á execución do viaduto de Porto, vía esquerda, pola redacción dun proxecto modificado número 2"; ou "falta de dispoñibilidade dun paso a nivel" sobre a liña de tren convencional. 

Tamén critica que Adif non foi quen de xustificar as prórrogas máis alá de argumentar de xeito xenérico que se debían á mala organización da construtora: "A inespecífica referencia que efectúa Adif en cada unha das prórrogas litixiosas á organización dos traballos pola contratista non xustifica a atribución de responsabilidade polo atrasos que fundamenta a reclamación".

Igualmente, a Audiencia Nacional salienta que as penalizacións están pensadas para aplicarse "durante a execución do contrato", a xeito de "medio coercitivo ou de presión ao contratista, que se aplica para asegurar o cumprimento regular das obrigas contractuais dentro do prazo prefixado", "pero non unha vez finalizada a obra", como fixo Adif. Esas penalidades, insiste, "pretenden "corrixir os eventuais incumprimentos contractuais e non castigar condutas, ao non ter estas penalidades natureza estritamente sancionadora, polo que perderían dita finalidade".

A xustiza, pola contra, desbota outras circunstancias esgrimidas pola construtora para neutralizar as penalidades impostas por Adif, como as condicións meteorolóxicas adversas, a pandemia da COVID-19 ou a necesidade de compartir espazo de traballo con outros contratistas. 

En todo caso, a Audiencia Nacional conclúe que "as prórrogas non foron responsabilidade exclusiva da contratista", salientando que "se aprobou un total de 10 prórrogas, por un total de 80 meses máis dos 29 meses inicialmente previstos". Así que remata desbotando que a empresa teña que indemnizar a Adif pola demora das obras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.