Ao comezo desta temporada xa avanzamos que queriamos que o Fálase fose un espazo máis pausado, unha paréntese entre as présas que nos impón a actualidade e que nos fan practicamente imposible reflexionar ou falar sobre calquera tema con algo de vaga. Estamos tentando cumprilo.
Así o fixemos nas eleccións galegas e así o tentamos facer tamén coas europeas do 9 de xuño. Con esa vontade recibimos neste episodio do Fálase a Ana Miranda, eurodeputada do BNG e candidata a seguir séndoo os vindeiros cinco anos.
"O escano do BNG ten unha axenda galega sen render contas: gobernamos nós a nosa casa, tamén no Parlamento Europeo", defende a candidata do Bloque ás eleccións do 9X nesta entrevista, na que que subliña a importancia duns comicios que tamén ve clave para frear a extrema dereita.
Conversamos con Ana Miranda sobre o seu labor na Eurocámara e as súas prioridades para unha nova lexislatura na que aspira a lograr "escano completo". Faino nun contexto no que, explica, "no BNG temos unha posición crítica coa UE" e considera que "a historia deunos a razón". "Pero iso non quita -engade- que somos unha nación europea e en Bruxelas ten que haber representación directa dos intereses galegos"
Neste sentido, coida que "un dos exemplos de eficacia do noso escano é ter un sistema ferroviario máis seguro para que non volva pasar un Angrois nunca máis". Porque, defende, "se Galiza tivo relevancia en Europa nestes anos foi por levar o BNG os temas galegos".
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.
Entrevista gravada nas instalacións do Hotel Virxe da Cerca (Santiago). Podes lela enteira nesta ligazón.