Cando se celebran eleccións europeas, un dos argumentos que é habitual escoitar para animar o electorado a participar nelas é que moito do que se decide en Europa, nas institucións da Unión Europea, nos afecta directamente no noso día a día. Na vida cotiá, no traballo, no consumo, nas empresas, no medio ambiente…
Así sucede a través de directivas, regulamentos. De diversas que chegan despois de procesos polo xeral lentos, complexos, e que en ocasións é complicado entender e explicar. Unha das patas deses procesos que acaban converténdose en leis europeas é o Parlamento Europeo, que é o que se elixe o vindeiro 9 de xuño.
Nos últimos cinco anos, un dos protagonistas da elaboración dalgunhas desas normas, entre elas dalgunhas das máis relevantes, caso da reforma do mercado eléctrico é o referente do PSdeG na candidatura do PSOE para estas eleccións. Nicolás González Casares foi eurodeputado socialista nesta lexislatura que remata, aspira a seguir séndoo por cinco anos máis e acompañounos neste novo episodio do Fálase especial eleccións europeas.
"O PP faille as beiras á ultradereita, en paralos vainos a vida do proxecto europeo e dos dereitos e liberdades", advirte o lalinense nesta conversa, na que tamén esgrime o seu labor na última lexislatura como aval para pedir o voto. "Non só pretendemos ser a voz de Galicia en Europa, tamén temos influencia real: lexislei máis nunha lexislatura que todo o resto de eurodeputados galegos xuntos nos últimos quince anos", resalta.
"O PP faille as beiras á ultradereita, en paralos vainos a vida do proxecto europeo e dos dereitos e liberdades"
O impacto de reformas nas que é participou, como a eléctrica, pero tamén a transición ecolóxica -"non podo aceptar que Galicia sexa retardista climática", advirte, ou a súa consideración sobre o proxecto de Altri son algúns dos asuntos que abordamos nesta entrevista, na que tamén o cuestionamos por diversos asuntos galegos que poden ter relevantes novidades dende a UE, como a concesión da AP-9 ou os medios públicos de comunicación. Neste sentido, González Casares coida que "a manipulación do PP en Galicia non ten nada que envexar á Polonia do PIS ou á Hungría de Orban. Os informativos teñen momentos de fachosfera"
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.
Entrevista gravada nas instalacións do Hotel Virxe da Cerca (Santiago). Podes lela enteira nesta ligazón.