“Somos os únicos que defendemos os traballadores”, di Feijóo a BNG e PSdeG tras acusar ambos grupos ao presidente de falta de política industrial
Un aplauso extraordinario, por unha intensidade e duración pouco habitual, máis propio das grandes ocasións ou dos apoios en momentos de debilidade, foi o que recibiu o presidente Feijóo do grupo parlamentario do PP ao remate da súa intervención na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia, un debate ordinario que se produce cada dúas semanas. Non lanzara ningún anuncio, como adoita facer nestas sesións, senón que fora acusado por BNG e PSdeG de falta de política industrial, ao que respondeu asegurando que os populares “somos os únicos que defendemos os traballadores” fronte uns nacionalistas e populares aos que lembrou que os seus resultados electorais foron peores que os do PP.
A sesión de control deste mércores chegou tras un inicio de semana no que Feijóo cedeu o protagonismo ao ex-presidente Mariano Rajoy e o líder do PP estatal, Pablo Casado, na convención itinerante da formación conservadora que comezou o luns en Compostela. E tras o cuestionamento da Comisión Europea á prorroga que en 2000 o Goberno central do PP deu á concesión da AP-9 ata 2048. Este mércores Feijóo retomou o seu principal argumento da campaña electoral do pasado ano, o que o identifica coa Xunta e con Galicia e non co partido, o de que el “só defende os intereses de Galicia”.
“Móvese entre a submisión a Génova e a confrontación co Goberno do Estado, empregando Galiza en beneficio dos lobbies amigos do PP”, criticou Pontón a Feijóo
A portavoz do BNG, Ana Pontón, puxo o foco na súa intervención nas diversas crises industriais abertas e acusou á Xunta de non defender os intereses de Galicia ante o Goberno de España. “Móvese entre a submisión a Génova [a rúa sede do PP estatal] e a confrontación co Goberno do Estado, empregando Galiza en beneficio dos lobbies amigos do PP”, dixo Pontón. A resposta de Feijóo foi que o BNG non defende realmente os intereses de Galicia senón que pacta do PSOE “ríndose xuntos dos galegos”, e preguntoseu “por que os galegos non votan ao BNG e lle dan a oportunidade de gobernar?”
A réplica de Pontón pasou por salientar que, fronte á prorroga da concesión da AP-9 decidida polo PP, a recente rebaixa de peaxes vén derivada do acordo co que o BNG investiu presidente a Pedro Sánchez ante a alternativa dun goberno central do PP “coa extrema dereita”. “Eu non cuestiono a lexitimidade democrática do seu goberno, vostede a do BNG si, non estamos aquí por obra e gracia do espírito santo senón porque así o quixeron as galegas e os galegos”, sentenciou Pontón, quen argumentou que non critica “que vostede sexa o presidente da Xunta, o que criticamos é que non goberne, que é o mandato que lle deron”.
Caballero pediu sen éxito a Feijóo que identifique os proxectos prioritarios para que Galicia reciba fondos europeos pero o presidente limitouse a cuantificalos en "máis de 13.000 millóns de euros e 30.000 empregos"
Previamente o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxera o foco na recente reclamación á Xunta da vicepresidenta económica do Goberno de España, Nadia Calviño, para que concrete os proxectos que Galicia considera prioritarios para recibir os fondos europeos NextGenerationUE de recuperación tras a pandemia. Feijóo volveuse queixar de que o Goberno central non deixa claros os criterios que prioriza para eses proxectos, e cuestionou que Caballero poida ter criterio para aconsellar nesa priorización. “Di vostede que é profesor universitario de económicas”, díxolle Feijóo ao socialista, ao que tamén lanzou que “para gobernar Galicia hai que gañar as eleccións, é imposible gobernar Galicia perdendo as eleccións como vostede”. Nada concretou o presidente dos proxectos prioritarios polos que lle preguntaba o socialista máis alá de asegurar que o Goberno central xa os coñece e que suman "máis de 13.000 millóns de euros e 30.000 empregos".