O PP, partido acabado de nacer e coaligado con Centristas de Galicia en Ourense, obtivo a súa maioría absoluta de 1989 por unha marxe estreita. No entanto, o paseo que levou a Manuel Fraga dende o Pazo do Hórreo, sede do Parlamento, ata a Praza do Obradoiro para celebrar a súa toma de posesión como presidente da Xunta foi o pórtico simbólico dun relato: o patrón da dereita española regresara a Galicia e arrasara nas urnas, sen matices. O arrasamento non fora tal pero así quedou marcado na memoria colectiva. E cando en 1993 Fraga alargou o seu dominio no primeiro Parlamento posterior á reforma electoral do PP aquela segunda vitoria foi presentada como unha continuación lóxica do primeiro esmagamento. O debuxo, con matices, volveu ser trazado en 1997 e, xa cun aquel decadente, en 2001. Un marco semellante ao que chegou a alcumarse como pax fraguiana é, coas obvias diferenzas, ao que se asoma o Parlamento galego dende este martes, xornada de inicio da terceira investidura de Alberto Núñez Feijóo.
O retorno do PP á Xunta en 2009 tras os tres anos e medio do Goberno de coalición de PSdeG e BNG produciuse nun tenso escenario no que os socios do Executivo infravaloraron a potentísima maquinaria electoral conservadora ata que estaban a piques de seren atropelados por ela. Socialistas e nacionalistas comezaron aquela nova lexislatura sumidos no desconcerto e abrindo cadanseus longos e dolorosos procesos de transición de proxecto e liderados. Os votos de quen compartiran goberno foran máis que os do PP -uns 6.000-, pero ambas forzas foron as primeiras en obviar un dato que ficou sepultado baixo a versión da historia que o PP puido impoñer sen esforzo excesivo: Feijóo, como Fraga vinte anos antes, arrasara.
A axustada vitoria do PP en 2009 ficou sepultada baixo un relato segundo o cal Feijóo arrasara
O equipo do novo presidente popular administrou con precisión o encadre do segundo arrasamento e bateu con el nas costas políticas da atribulada oposición mentres cultivaba o antagonismo co Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero, cuxos recortes a instancias de Bruxelas foron o mellor combustible para que os de Feijóo engrandecesen o relato do arrasamento nas municipais de 2011, cando caeron da banda popular os desgastados gobernos da esquerda nas tres principais cidades da provincia da Coruña e diversas vilas medias. Aqueles comicios foron o pórtico da vitoria nas xerais fronte ao PSOE de Alfredo Pérez Rubalcaba, que o PPdeG anotou como propia.
A chegada de Mariano Rajoy a La Moncloa serviu para que o PP de Feijóo incluíse no seu marcador un novo triunfo, pero tamén o despoxou do útil enfrontamento co Goberno de Zapatero mentres a axitación das pantasmas bipartitas comezaba a se esgotar de tanto usala. En plena vaga de recortes e mentres a ameaza dun rescate total pairaba sobre o gabinete de Rajoy, que xa tivera que acollerse ao da banca, Feijóo eu en adiantar os comicios que tocaría celebrar en 2013. Chamou ás urnas para o 21 de outubro e conseguiu, entre outros, un dos seus principais obxectivos: deixar o PSdeG sen tempo material para celebrar primarias e propiciar así a candidatura de Pachi Vázquez á Presidencia.
Os populares acrecentaron a versión do arrasamento en 2012 malia perderen case 150.000v otos
Aquel 21O o PP de Feijóo perdeu case 150.000 votos, pero a dispersión do voto da esquerda permitiulle ampliar a maioría absoluta e onde había 38 representantes conservadores pasou a haber 41. Mentres, o PSdeG baixaba a 18 e abocábase ao debate interno que o adianto electoral non lle permitira pechar, o BNG descendía de 12 a 7 mentres procuraba suturar a ferida aberta da asemblea da escisión e AGE emerxía cuns efervescentes 9 escanos que rematarían a lexislatura sendo 6 -tres representantes acabaron no Grupo Mixto-. O relato, novamente, acompañaba a Feijóo: fronte a unha esquerda revolta e de futuro incerto, máis PP, tanto como nos bos anos de Fraga.
Un relato a piques de quebrar
A historia que os populares comezaron a escribir e implantar en 2009 estivo a piques de quebrar no período transcorrido entre as eleccións europeas de 2014 e os meses posteriores ás municipais de 2015. Nese ano e medio o PPdeG descendeu nas Europeas ata os niveis máis baixos da súa historia, os previos ao primeiro paseo triunfal de Fraga, e nos comicios locais a hemorraxia de sufraxios tornou nunha importantísima perda de poder tanto nos concellos como en tres das catro deputacións. O panorama, con matices, continuou nas eleccións xerais do 20D, co engadido de que o voto das mareas a nivel municipal tivo xa unhas siglas nas que concentrarse alén dos concellos: a coalición En Marea.
Entre as europeas de 2014 e as municipais de 2015 o PPdeG descendeu ata os peores resultados en Galicia dende a fundación do partido
Pero o relato que puido quebrar non quebrou. O fracaso dos intentos para a formación dun Goberno alternativo ao PP en España derivou na convocatoria dunhas novas eleccións xerais, unha repetición da xogada que os conservadores non desaproveitaron nin en Galicia nin no conxunto do Estado. A campaña de xuño deste 2016 serviulles aos de Feijóo para exhibir os cambios introducidos no partido e no Goberno e publicitar algunha das inxeccións económicas de maior potencia política e mediática, tales como o 'cheque bebé' da Tarxeta Benvida ou o paquete de agasallos para bebés presentado como a versión galega da "caixa finlandesa". Todas as forzas diferentes do PP tiveron algo que lamentar en Galicia na noite electoral do 26X, despois da cal o aparello de campaña de Feijóo xa non regresou ao modo de repouso, senón que seguiu a pleno rendemento ata a última cita do ciclo, as eleccións galegas.
Da "excepción" á "especial normalidade"
Coa engranaxe electoral funcionando igual ou mellor que antes dos tropezos de 2015 o lixeiro adianto das eleccións vascas permitíronlle a Feijóo non agardar máis e fixar a data galega para o 25 de setembro mentres, pola banda esquerda, só o BNG afrontaba a recta final da lexislatura cos deberes preelectorais feitos. O que nas semanas previas ao 25S era a petición dunha maioría "excepcional" por parte do PP tornou, unha vez conseguida, nun reenganche co relato do arrasamento. Que o PPdeG goce dunha das últimas maiorías absolutas da contorna estatal e mesmo europea, mantendo escanos e mesmo sumando votos, xa non é presentado dende as filas da dereita como unha excepción, senón como "un momento de especial normalidade política", en verbas de Pedro Puy, que en vésperas do debate que comeza este martes evidenciaba a "moita tranquilidade" coa que o afrontan dende os escanos que farán presidente a Feijóo por terceira vez. O relato, outra vez máis.
O PPdeG evidencia que afronta a nova investidura con "moita tranquilidade"
Dende a banda esquerda o reto e duplo. Un afecta a todos os grupos, o de atopar algunha fenda, se houber, no relato da nova pax fraguiana e facer ver unha eventual alternativa. Outro, no caso de En Marea e PSdeG, presentarse como forza líder da oposición. "Calquera proposta que poida facer o candidato Feijóo será continuista co estado de emerxencia social no que deixou o país", aventuraba este luns o voceiro de En Marea, Luís Villares. O principal desafío da lexislatura é que a incipiente recuperación económica sexa "inclusiva", bosquexou Xoaquín Fernández Leiceaga. Cómpre "blindar os dereitos sociais" mentres se reclama "poder político" para Galicia, advirte Ana Pontón. Feijóo, pola súa banda anticipa que pedirá "acordos" e unha mudanza nas "formas" dos grupos da oposición.