Feijóo invita o papa Franciso a visitar Galicia e o arcebispo de Santiago di ter “esperanza” en que así sexa

Unha das imaxes divulgadas polo Vaticano da recepción do arcebispo de Santiago e Feijóo polo Papa © Vatican Media

O presidente da Xunta agradeceu ao pontífice o “privilexio” de que decidise estender o Ano Santo tamén a 2022

O papa Francisco recibiu este luns no Vaticano ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. No encontro o presidente agradeceulle o “privilexio” de que decidise ampliar tamén a 2022 por mor da pandemia o Ano Santo de 2021 e invitouno a visitar Santiago, algo sobre o que o arcebispo amosou a súa “esperanza” en que así sexa. 

Feijóo entrega ao papa Francisco unha placa con forma de cuncha como as que se poñen no chan para identificar o recorrido dos camiños de Santiago © Vatican Media

A ampliación do Ano Santo, anunciada pola Santa Sede poucas horas antes do inicio de 2021, e que Feijóo presentou como un feito que ocorre por primeira vez na historia, é a segunda vez que se produce tras a de 1937 a 1938 pola guerra, primeira en que se fai antes sequera do inicio do ano, xa que a anterior foi con este xa comezado. Feijóo, que tamén salientou que “peregrinar a Galicia é seguro”, entregou como agasallos ao papa un libro sobre os pazos galegos e unha placa de bronce co deseño da cuncha de Santiago como as que se empregan para sinalizar os camiños de peregrinación no chan, facéndolle ver que pisará varias similares se visita Compostela.

En 2010 Bieito XVI recibiu tamén ao arcebispo, de cuxo séquito formaba parte Feijóo, e finalmente remataría visitando Santiago en novembro daquel Ano Santo

A recepción de Feijóo e o arcebispo polo papa chega despois da do 1 de marzo de 2010 co daquela pontífice Bieito XVI, que finalmente remataría visitando Santiago en novembro daquel Ano Santo. Segundo a axenda oficial do Vaticano, daquela o recibido oficialmente fora o arcebispo e o presidente limitábase a formar parte do seu séquito, mentres que desta volta foi identificado en pé de igualdade co prelado.

Porén, a nota de prensa divulgada polo arcebispado sinala que "o papa Francisco recibiu este luns en audiencia privada ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, a quen acompañaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo". Do mesmo xeito, a nota oficial da Xunta di que Feijóo "acompañou ao arcebispo de Santiago".

Anterior recepción a Feijóo no Vaticano en 2010 por parte do daquela papa Bieito XVI © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.