Feijóo nega que suxerise a Ábalos rebaixar a seguridade do AVE e asegura que só lle preguntou con que sistema se inaugurará

Ábalos e Feijóo antes da súa reunión de outubro de 2018 na que o ministro ratificou o prazo dado polo PP de finais de 2019 para o remate das obras do AVE, pendentes despois das probas de seguridade CC-BY-SA Xunta

O presidente lembra que tanto o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo como un treito xa aberto do AVE a Madrid seguen operando aínda sen o sistema propio da alta velocidade co que Transportes quere abrir xa de inicio o resto da liña coa Meseta

O presidente da Xunta desmentiu este xoves que suxerise ao ministro de Transportes, José Luis Ábalos, como asegurou este o martes, poñer en servizo o AVE coa Meseta cun sistema de seguridade inferior ao propio da alta velocidade para así adiantar a súa inauguración. Segundo Feijóo, o que fixo foi preguntar a Ábalos con que sistema prevía o ministerio abrir a liña, e lembrou que tanto o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo como un treito xa en servizo do AVE a Madrid foron abertos co sistema de seguridade inferior e seguen operando aínda con el.

No accidente de Angrois o sistema de seguridade ferroviaria propio do AVE, o ERTMS que controla en todo momento a velocidade dos trens, estaba desconectado porque fallaba e o sistema convencional de respaldo, o ASFA que segundo Ábalos foi suxerido por Feijóo para abrir canto antes a liña coa Meseta, non estaba configurado para evitar o exceso de velocidade do Alvia. As probas pendentes de realizar do sistema ERTMS son o que impide agora que o Ministerio de Transportes poida dar unha data concreta para a posta en servizo do AVE coa Meseta, cuxas obras están a piques de rematar.

“Consultar se os modelos de seguridade ASFA e ERTMS son seguros, supoño que será o mínimo que podemos preguntar”, di Feijóo

Cando foi preguntado este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola acusación do ministro, Feijóo respondeu poñendo en dúbida a credibilidade de Ábalos, co que dixo que ten unha “relación persoal boa”. Tivo que ser repreguntado sobre se desmentía ou non o dito polo ministro para que Feijóo así o fixese “categoricamente”. Porén, tamén se lle preguntou que puido dicirlle ao ministro para que este interpretase así as súas palabras, ao que Feijóo respondeu admitindo que consultara a Ábalos “se o sistema neste momento operativo no Eixo Atlántico [o ASFA] é o que se pode poñer inicialmente no tren a Galicia”, pregunta que o propio presidente considera “responsable”. “A resposta foi que querían [abrir a liña con] ERTMS e ASFA simultaneamente, e acabou aí o asunto”, asegurou Feijóo, para quen “consultar se os modelos de seguridade ASFA e ERTMS son seguros, supoño que será o mínimo que podemos preguntar”.

Tras o accidente de Angrois mellorouse a normativa do ASFA para que agora si poida evitar un exceso de velocidade como o daquel accidente

Tanto o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo como o treito Olmedo-Zamora da liña a Madrid foron abertos os dous en 2015 sendo ministra a popular Ana Pastor, nos dous casos só co sistema ASFA á espera de que cando se remate o resto da liña coa Meseta se active tamén o ERTMS. Porén, tras o accidente de Angrois modificouse a normativa sobre o ASFA e mellorouse a súa seguridade en más dun cento de puntos de toda España, dez deles no Eixo Atlántico, para que o sistema xa si poida evitar un exceso de velocidade como o do accidente aínda que non haxa ERTMS.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.