Feijóo presume de "ritmo lexislativo sen precedentes" tras o segundo período máis longo sen leis da historia da autonomía

Feijóo no acto co que este luns fixo balance dos cen primeiros días do seu cuarto mandato CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que "a Galicia que pensamos para a vindeira década segue a ser a mesma que antes da COVID" e salienta que retoma a lei de impulso demográfico que leva anunciando desde 2016

O Parlamento de Galicia aprobou a súa última lei o 23 de decembro de 2019 e a seguinte non será votada ata o Pleno previsto para os días 22 e 23 deste mes, xusto un ano máis tarde. É o segundo período máis longo sen novas leis da historia da autonomía de Galicia, só superado polo ano e seis días sen novas normas durante o goberno de Xerardo Fernández Albor en 1986. Malia esta situación, o presidente Feijóo presume estes días do que denomina “ritmo lexislativo sen precedentes”.

Este luns Feijóo organizou un “encontro de traballo” cos altos cargos do seu Goberno con motivo dos cen días da súa toma de posesión, un acto que serviu para que o presidente repasase promesas que lanzou para esta lexislatura e salientase que nestes pouco máis de tres meses presentou “12 novas leis”. Boa parte desas novas normas son leis que os gobernos de Feijóo non foron quen de aprobar en mandatos pasados, como a prometida lei de dinamización demográfica que supostamente era unha das políticas estrela da anterior lexislatura, segundo anunciara na súa anterior toma de posesión hai catro anos. No acto deste luns, que o presidente presentou como unha rendición de contas malia falar para os seus, Feijóo asegurou que "a Galicia que pensamos para a vindeira década segue a ser a mesma que antes da COVID".

A realidade é que a pasada lexislatura, a X do Parlamento de Galicia, foi a de menor produción lexislativa da historia da autonomía, con só 22 leis (18 se non se contan as leis de acompañamento dos orzamentos de cada ano), moi por detrás da V lexislatura, a do terceiro mandato de Manuel Fraga, con 32 leis. A última vez que a Cámara aprobou unha lei foi o 23 de decembro do pasado ano, cando validou a de orzamentos para este 2020, a de acompañamento das contas públicas e a lei do aproveitamento lúdico das augas termais. A próxima vez que o PP faga valer a súa maioría absoluta para aprobar unha lei, se se cumpren as súas previsións, será a próxima semana, cando valide a lei de ordenación do territorio e a lei de pesca fluvial.

O ano e seis días da maior parálise lexislativa da historia da autonomía coincidiu coa crise do Goberno de Albor ao comezo do seu segundo mandato

O único período máis longo sen novas leis na historia da autonomía, de un ano e seis días, rexistrouse entre o 23 de outubro de 1985, cando ao remate da primeira lexislatura se aprobaron a lei de ordenación marisqueira e a lei reguladora dos xogos e apostas de Galicia (que acabaría derivando na condena por prevaricación do daquela vicepresidente José Luis Barreiro Rivas), e o 29 de outubro de 1986, cando a primeira lei aprobada da segunda lexislatura foi a de orzamentos para ese mesmo ano, que chegaba así con case dez meses de atraso a respecto do inicio do exercicio e un tempo similar de demora a respecto da constitución do Parlamento o 17 de decembro anterior. A crise política existente naquel comezo da II Lexislatura quedaría en evidencia xusto tras a aprobación daqueles orzamentos, cando a continuación dimitiría Barreiro Rivas para, un ano máis tarde, apoiar a moción de censura que apartaría a Albor da presidencia substituído polo socialista Fernando González Laxe.

José Luis Barreiro Rivas e Xerardo Fernández Albor, vicepresidente e presidente da Xunta, ao comezo da segunda lexislatura do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

Por detrás do actual parón da actividade lexislativa, o terceiro período máis longo sen leis da historia da autonomía foi de nove meses e rexistrouse na última lexislatura, entre o 2 de abril de 2018, cando se aprobou a norma que modificou a lei de saúde (e que agora volverá ser modificada), e o 26 de decembro, coa votación dos orzamentos do ano seguinte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.