Formoso enxalza o perfil feminista do PSdeG homenaxeando a Rosa Gómez Limia, primeira deputada de esquerdas no Parlamento

Formoso no acto deste sábado en Santiago CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG remarcou o compromiso do seu partido na loita polos dereitos das mulleres

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, enxalzou este sábado, na entrega duns premios internos, a loita pola igualdade de Rosa Gómez Limia, primeira deputada de esquerdas na cámara galega, e de Mulleres Salgadas, a maior asociación de mulleres no sector do mar en Galicia. No acto o líder do PSdeG, xunto coa secretaria de Igualdade da dirección galega, Silvia Fraga, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, remarcou o compromiso do seu partido na loita polos dereitos das mulleres.

A ex-deputada socialista Rosa Gómez Limia CC-BY-SA PSdeG

Formoso salientou de Gómez Limia que “abriu unha brecha na igualdade na política para que a muller teña a representatividade que ten que ter”. Militante dende 1979 e parlamentaria dende 1988, “reclamou constantemente a incorporación da muller na vida política, sendo un exemplo para moitas compañeiras que a seguirían”.

O líder socialista tamén reivindicou o traballo da asociación Mulleres Salgadas pola igualdade de dereitos no mundo do mar, sendo a súa presidenta, Loli Gómez, quen recibiu o premio. Formoso destacou que este colectivo loita nun sector estratéxico onde “a muller é moitas veces maltratada e escóndese o seu papel relevante”, lembrando que das 63 confrarías galegas, só hai 3 patroas maiores. Neste ámbito o socialista considera que hai moito por facer, da nova Lei de Pesca Sostible impulsada polo PSOE a nivel estatal que “recoñece os mesmos dereitos á hora de xubilarse” a estas mulleres que aos homes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.