O PSdeG contrasta o seu "equipo para gobernar a maioría social" de Galicia nas municipais cun PP de Rueda "fóra de xogo"

Parte da delegación galega participante na Conferencia Municipal que o PSOE celebra en València este 15 e 16 de abril de 2023 CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSOE lanza de vez a súa precampaña para as eleccións municipais do 28M esta fin de semana, cunha conferencia política en València -a Comunitat Valenciana é un dos territorios onde as eleccións tamén son autonómicas-. Pola banda galega acoden arredor de medio cento de cargos do PSdeG. 

Os principais referentes locais do PSdeG acoden á Conferencia Municipal coa que o PSOE lanza dende València a súa precampaña para o 28M

Nesa delegación galega destacan os principais referentes institucionais locais do PSdeG, caso do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou das alcaldesas da Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez. Tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e mais o seu homólogo na Coruña, Valentín González Formoso, que participa no conclave na súa tripla condición de alcalde das Pontes, presidente provincial e secretario xeral do PSdeG. Igualmente, asisten cargos como o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario xeral do PSdeG na provincia e edil vigués, David Regades, na Conferencia Municipal do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

No marco deste encontro, que o domingo clausura o presidente do Goberno de España e líder socialista, Pedro Sánchez, os socialistas galegos instaron a contrastar o seu "equipo para gobernar a maioría social" de Galicia nas municipais cun PP de Alfonso Rueda "fóra de xogo". Así o considerou o seu secretario de organización e tamén edil do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, en cuxa opinión "só o PSdeG pode presentar unha aliñación do nivel" das súas actuais alcaldesas e alcaldes.

Lage Tuñas: "Rueda está máis pendente do que di ou fai Feijóo que dos problemas dos galegos e galegas, el e os seus conselleiros limítanse a actuar como unha xestoría que só abre en horario de mañá"

Tras unhas municipais 2019 no que a maior parte da poboación galega tivo alcalde ou alcaldesa socialista, neste 2023 Lage mantén que o programa municipal do PSdeG permitirá "seguir construíndo cidades e vilas pensados para vivir, desenvolvendo políticas de igualdade que poñan as familias no centro da acción política". Tamén, di, céntranse "na economía, o emprego e as políticas sociais" e mais "nas políticas saudables, co medio ambiente como vector transversal" que "transforme" os espazos dos concellos en "espazos de convivencia".

Fronte ás candidaturas e propostas do PSdeG, Lage sinala un Goberno do PP en Galicia que, ao seu xuízo, está marcado pola "pasividade". Porque Rueda, lamenta, está "máis pendente do que di ou fai Feijóo que dos problemas dos galegos e galegas". O actual presidente, coida, está "en fóra de xogo no día a día", pero tamén "carece de proxecto" de futuro.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación lucense, alcalde de Monforte e secretario provincial do PSdeG, José Tomé, na Conferencia Municipal do PSOE en València CC-BY-NC-SA PSdeG

"O PP dende a Xunta non ten respostas aos grandes problemas de Galicia" porque "Rueda e os seus conselleiros se limitan a actuar como unha xestoría que só abre en horario de mañá". Mentres, afirma, "a alternativa progresista viable para cambiar Galicia" comeza "polas boas políticas municipais que facemos os socialistas", as cales sinala como "botón de mostra" do que "podemos ofrecer ao noso país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.