Galicia en Común conmemora o Orgullo LGTBI e chama a "pechar a porta da Xunta á represión da extrema dereita"

Acto de Galicia en Común polo Día do Orgullo na Coruña CC-BY-SA GeC

O eco mediático dalgúns dos seus actos e a posibilidade de que un descenso de participación os achegue ao 5% que dá dereito a representación parlamentaria virou máis focos dos previstos cara a Vox nos primeiros días da campaña galega. Tamén nas intervencións das formacións da esquerda que, como Galicia en Común, centraron este domingo as súas mensaxes en conmemorar o día do Orgullo LGTBI.

Gómez-Reino: "Estamos moi preto, a uns poucos miles de votos para acabar co decenio negro"

O candidato da coalición, Antón Gómez-Reino, participou xunto aos números dous e tres da candidatura da formación pola Coruña, Luca Chao e Martiño Noriega, nun acto polo día do Orgullo no coruñés Campo da Leña e alí advertiu da necesidade de "pechar as portas da Xunta" ante unha eventual irrupción da extrema dereita. De obteren representación, esa "extrema dereita" sería "de Feijóo e Abascal" e traería consigo "represión e intolerancia", cre. 

Parte da intervención de Gómez-Reino tivo que desenvolverse baixo a chuvia CC-BY-SA GeC

A xuízo de Gómez-Reino, esa é unha posibilidade, pero non é inevitable. "Estamos moi preto, estamos a uns poucos miles de votos para acabar co decenio negro dos recortes, retrocesos e privatizacións e destrución do público" que foron os "gobernos sucesivos" do PP. "Claro que podemos acadar unha maioría de esquerdas que transforme este país" e tamén "que crea na diversidade e e na pluralidade" e "afonde nos avances que se están a dar dende o Goberno do Estado", sinala o candidato.

Martiño Noriega: "estamos en disposición de impugnar o estado das cousas; eles queren o país para os menos e nós, para as máis"

Esa "liberdade", agregou Chao, "debe comezar na escola" e así o garantiría un goberno de esquerdas. Tamén Noriega asegura ver viable unha mudanza política en Galicia: "Estamos en disposición de impugnar o estado das cousas; eles queren o país para os menos e nós, para as máis" e é posible, "dende a policromía e a diversidade", coller "as institucións e poñelas ao servizo do pobo".

Nesta liña, defende Noriega, "Galicia en Cómun é unha coalición da diversidade". "Dende a diversidade somos capaces de transformar o mundo, desde a riqueza do diferente entendémonos todos e todas", sinalou o número tres pola Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.