Galicia en Común lanza dúas caravanas electorais coa esperanza de "consolidar o ciclo progresista" co cambio na Xunta

Gómez-Reino, con Fernán-Vello e Luca Chao, na presentación da campaña de Galicia en Común CC-BY-SA GeC

Dúas caravanas electorais simultáneas que prevén percorrer uns 25.000 quilómetros ata o 10 de xullo, derradeiro día da campaña das eleccións galegas. Galicia en Común presentou este luns o seu plan para campaña electoral que comeza este día 26 de xuño, na que a coalición se propón "chegar a cada vila e a cada barrio" para "convencer á xente progresista de que o cambio é posible e necesario", di o seu aspirante á Xunta, Antón Gómez-Reino.

Acompañado por Luca Chao, número dous pola Coruña, e por Miguel Anxo Fernán-Vello, cabeza de lista por Lugo, Gómez-Reino advertiu da repercusión en clave interna e externa destes comicios. Fronte a enquisas que manteñen o PP na maioría absoluta, o candidato proponse facer ver que "vai haber cambio político no país" e que, ademais, esa mudanza en Galicia "vai consolidar o ciclo de goberno progresista no Estado".

GeC sinala "o traballo de compañeiras como Yolanda Díaz" no Goberno do Estado para apelar á necesidade dun cambio político en Galicia

Neste sentido, o Goberno de coalición no Estado será sinalado por Galicia en Común como referente para Galicia. O exemplo, sinala Chao, é "o traballo de compañeiras como Yolanda Díaz", ministra de Traballo, que "demostra que é posible unha saída distinta á crise". Esa será a mensaxe que dirixan especialmente á xente moza que, resaltan, "apenas viviu catro anos fóra dun goberno do PP; se elas e eles confían en nós, o 12 de xullo podemos construír un futuro que aposte pola xustiza social".

Gómez-Reino e Luca Chao, no encontro de GeC co colectivo Investigal CC-BY-SA GeC

As caravanas de Galicia en Común combinarán os actos presenciais, condicionados polas restricións para evitar contaxios do coronavirus, con eventos específicos a través de internet. "Estarei cada noite conectado con referentes da política estatal e internacional cunha conexión en aberto na que calquera persoa poderá preguntar e participar", avanzou Gómez-Reino.

Investimento en I+D+i

Nun encontro con persoal investigador agrupado en Investigal, o candidato de GeC promete "investir o 2% do PIB galego" en I+D+i nunha lexislatura se a esquerda goberna en Galicia

Na mesma xornada, Gómez-Reino e Chao mantiveron tamén un encontro co colectivo de persoal investigador Investigal, creado recentemente para reivindicar máis e mellores condicións para o labor científico no país. Este colectivo, sinala o candidato, é boa mostra da "precarización e a fuga de talento" do persoal científico polo que a Xunta do PP "non apostou".

Neste sentido, resalta o candidato, o programa de Galicia en Común contempla a posta en marcha do Plan Galego de I+D+i 2020-2024."O compromiso -sintetiza- pasa por investir o 2% do PIB galego no sector" e así achegarse á "media dos países da Unión Europea". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.