As ópticas galegas adheridas o Plan VEO levan tramitaron máis de 4.500 axudas no primeiro mes do proxecto, 129 por cada 10.000 habitantes menores de 17 anos
Algo máis de 4.000 crianzas e adolescentes de ata 16 anos recibiron en Galicia as axudas do Goberno de España para mercar lentes en apenas un mes. O Ministerio de Sanidade vén de realizar un primeiro balance da implantación do Plan VEO, as achegas directas de 100 euros para a compra de lentes ou lentes de contacto, e o noso país é a autonomía con maior taxa de acceso.
Foron, concretamente, 4.529 os expedientes tramitados polas ópticas en Galicia do 17 de decembro ao 26 de xaneiro. Ao realizarmos unha comparación homoxénea co resto do Estado, os 129 expedientes por cada 10.000 menores de 17 anos rexistrados en territorio galego supoñen a taxa máis elevada. A continuación sitúanse Castilla y León (102,5) e Castilla-La Mancha (39,7).
Na banda oposto están as Illes Balears e as Canarias, con apenas 40 expedientes por cada 10.000 menores de 17 anos. Tampouco chegan ao medio cento en Asturias e Euskadi.
O plan responde á idea de "que un neno ou nena poida ver ben o encerado do colexio non dependa do peto da súa familia", sostén o delegado do Goberno de España en Galicia, que avaliou nunha óptica ourensá a implantación da medida
Territorios moi poboados como Andalucía, Madrid e Catalunya son, en termos absolutos, as autonomías que máis axudas concentran nun plan no que os datos galego son, para o delegado do Goberno de España en Galicia mostra de que "a medida funciona, chega a quen a necesita e responde a unha demanda real das familias". Pedro Blanco avaliou este xoves o primeiro mes do programa durante unha visita a unha óptica en Ourense, onde defendeu este "investimento na saúde visual da nosa mocidade" como "unha política para reducir desigualdades.
"Que un neno ou nena poida ver ben o encerado do colexio non pode depender do peto da súa familia", agrega Blanco. Neste sentido, advirte, o Plan VEO chegou nun contexto no que "arredor do 30% do fracaso escolar está relacionado con problemas de visión non corrixidos".
O Plan VEO, que conta cun orzamento total de 48 millóns de euros, foi despregado polo Ministerio de Sanidade en colaboración co Consello Xeral de Colexios de Ópticos e Optometristas e está vixente, inicialmente, ata finais deste 2026. A solicitude realízase directamente na óptica sempre e cando estea adherida ao proxecto. No caso galego, participan actualmente 530 ópticas -pódese buscar a listaxe de establecementos nesta ligazón-.
Se as lentes adquiridas custan menos de 100 euros, a familia recíbeas gratuitamente. Se superan o importe, pagan a diferenza.