"Había motivos de seguridade", di Rueda sobre a ocupación da vía pública polo antigo chalé de Feijóo en Moaña

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xustificou este luns que o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, ocupase por "motivos de seguridade" parte dunha vía pública de Moaña co chalé privado que alí construíu en 2017 e vendeu en 2021. Rueda pronunciouse así sobre a sentenza, revelada en exclusiva por Praza.gal, coa que un xulgado vén de revogar ao novo propietario do chalé ese "privilexio singular", como o define a resolución xudicial. 

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

O titular da Xunta descoñece cantos presidentes tiveron "privilexios" como a ocupación de espazo público que un xulgado revoga agora ao novo propietario da vivenda da que Feijóo se desfixo en 2021

Este diario contou este luns que en 2017 o chalé de Feijóo ocupou uns 90 metros cadrados de vía pública amparándose nun informe policial que rexeitaba que se retranquease o muro da propiedade, como esixía a normativa urbanística, para que non se producisen ángulos mortos. Ese permiso excepcional para ocupar o solo público foi condicionado a que Feijóo seguise sendo o propietario da vivenda. Así que agora un xulgado vén de dar a razón ao Concello de Moaña, que quere recuperar o solo público, fronte ao novo propietario do chalé, que pretendía manter a situación da que desfrutaba Feijóo.

"Cando se tomou esa decisión había motivos de seguridade, estou seguro, se agora un xulgado estima que non é así pois debe acatarse a sentenza", di Rueda

"No seu momento e amparándose nunha normativa tomouse unha decisión baseada en motivos de seguridade e agora unha sentenza decide que non concorrían as circunstancias", dixo este luns Rueda ao ser preguntado pola sentenza, que non avalía o decidido en 2017 senón que establece que agora o novo propietario non ten dereito a ese privilexio. "Cando se tomou esa decisión había motivos de seguridade que así o aconsellaron, estou seguro, se agora un xulgado estima que non é así pois debe acatarse a sentenza e pouco máis podo dicir", engadiu o presidente.

Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda tamén foi preguntado sobre cantas veces ou cantos presidentes se beneficiaron ou benefician dese tipo de privilexios, outorgado no caso de Feijóo en 2017 ao amparo dun decreto aprobado en 2007 que estableceu os medios e recursos asignados aos ex-presidentes da Xunta. "A verdade é que non o sei", foi a resposta de Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.