O Grupo Municipal Socialista denuncia os "numerosos erros e inexactitudes" da nova guía turística oficial presentada a pasada semana polo Concello de Lugo, que por exemplo asegura falsamente que a Ponte Romana de Lugo é Patrimonio da Humanidade
"Sabías que a Ponte Romana de Lugo é Patrimonio da Humanidade? Pois nós tampouco. Porque non o é. Con todo, a nova guía turística oficial do Goberno de Candia así o afirma", deste xeito denuncia nas redes sociais o Grupo Municipal Socialista do Concello de Lugo a publicación presentada a pasada semana polo Concello de Lugo, alertando de que "contén numerosos erros e inexactitudes que comprometen a calidade, o rigor e a credibilidade dunha publicación que pretende actuar como carta de presentación da cidade ante visitantes e turistas".
Entre os erros denunciados este luns pola portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, destaca nomeadamente o da Ponte Romana. “Non estamos ante un matiz menor nin ante unha cuestión de interpretación. A Muralla de Lugo é Patrimonio Mundial desde o ano 2000. A Ponte Romana non ten esa consideración. Que unha guía turística oficial do Concello confunda dous elementos tan relevantes do patrimonio da cidade é unha mostra evidente de que o documento non foi sometido á revisión e supervisión necesarias. é inadmisible que ese documento siga representando a Lugo nin un minuto máis”, afirma.
Ademais, a guía asegura que a Porta Falsa é de orixe medieval e que a Porta de Santiago se atopa en estado orixinal e confunde o estilo arquitectónico do Palacio Episcopal
Pero a este engádense outros, como detalla González Abelleira. A guía asegura que a Porta Falsa é de orixe medieval e que a Porta de Santiago se atopa en estado orixinal, confunde o estilo arquitectónico do Palacio Episcopal, erra nas datas do Círculo das Artes é atribúe actividade a praza Maior no Medievo cando non existía ainda e non ten rigor ao falar da orixe do nome do barrio da Tinería, explica a edil.
Ademais, a publicación asegura que Sala Porta Miñá acolle exposicións temporais de pintura, unha descrición que non se corresponde coa función que desempeña actualmente este espazo, dedicado ao Lugo romano.
O Grupo Municipal Socialista considera que os erros detectados "fan necesaria a retirada da actual edición e a elaboración dunha nova versión sometida aos correspondentes controis técnicos"
Así mesmo, inclúense na edición imaxes non acreditadas axeitadamente realizadas por fotógrafos profesionais como Xurxo Lobato entre outros autores. “Nunha publicación oficial hai que respectar escrupulosamente a propiedade intelectual e recoñecer o traballo de cada profesional. Non é aceptable presentar como propia a autoría de fotografías realizadas por outras persoas”, sinala o PSdeG na súa denuncia. A guía contén, finalmente, erros ortográficos e castelanismos, denuncia o grupo municipal socialista.
González Abelleira subliña que "unha publicación deste tipo non pode saír á rúa sen pasar polo filtro dos servizos técnicos municipais e sen contar coa revisión de profesionais da historia e do patrimonio" e lembra que “Lugo ten profesionais perfectamente capacitados para elaborar, revisar e validar unha publicación turística. O que non entendemos é que se prescinda dese coñecemento e se presente como oficial un documento que evidencia que non contou co nivel de supervisión técnica que debería esixirse”.
Así mesmo, inclúense na edición imaxes non acreditadas axeitadamente realizadas por fotógrafos profesionais como Xurxo Lobato entre outros autores
O Grupo Municipal Socialista considera que os erros detectados "fan necesaria a retirada da actual edición e a elaboración dunha nova versión sometida aos correspondentes controis técnicos". “Non se trata de ocultar os erros ou de facer como se nada tivese pasado. O correcto é retirar a guía, revisar os contidos, comprobar as fontes históricas, corrixir os erros lingüísticos e garantir que todas as fotografías conten coa súa autoría correctamente identificada”, explicou González Abelleira.
"Se queremos promocionar a nosa cidade, o primeiro que temos que facer é contar correctamente a súa historia e explicar con rigor o seu patrimonio. Non podemos pretender que unha publicación oficial sexa unha ferramenta de promoción turística e, ao mesmo tempo, difunda información incorrecta sobre os nosos principais bens patrimoniais”, conclúe a concelleira.
A portavoz adxunta relacionou finalmente esta situación "coa maneira de actuar" do actual Goberno municipal. “Estamos ante unha publicación que debería ser unha ferramenta profesional de promoción turística e que, pola contra, transmite improvisación, falta de rigor e ausencia dunha revisión técnica suficiente", di
“A ansia por proxectar a imaxe de Candia a toda costa fan que estean a traballar sen rigor técnico deixando unha imaxe monocolor da cidade que só representa a propia Candia e os seus intereses”, sinalou González Abelleira.
A portavoz adxunta relacionou finalmente esta situación "coa maneira de actuar" do actual Goberno municipal. “Estamos ante unha publicación que debería ser unha ferramenta profesional de promoción turística e que, pola contra, transmite improvisación, falta de rigor e ausencia dunha revisión técnica suficiente", di. "Isto non é unha cuestión estética nin unha discrepancia política: é unha cuestión de responsabilidade instituciona. Contabamos a nivel institucional cun documento base elaborado por Darío Xohán Cabana, que este goberno en vez de mellorar e actualizar decidiu substituir por contido cunha falta de rigor alarmante”, subliñou.