Inédito veto policial a captar imaxes na entrega dun escrito sindical no Rexistro da Xunta

O axente advirte a representantes dos sindicatos e xornalistas do veto a captar imaxes da entrega do escrito no Rexistro de San Caetano CC-BY-NC-SA CIG

É habitual que diversos colectivos fagan chegar as súas reivindicacións ao Goberno galego mediante escritos dirixidos a un cargo determinado e achegados a través do Rexistro Xeral da Xunta, cuxa sede central se atopa no complexo administrativo de San Caetano. É tamén frecuente que sindicatos e outras organizacións sociais convoquen á prensa para dar conta deste tipo de actos reivindicativos, ofrecendo a posibilidade de captar imaxes do momento en que os escritos son rexistrados no devandito recinto administrativo. Así sucede dende hai anos.

É habitual que sindicatos e outras organizacións convoquen á prensa en San Caetano para entregaren escritos no Rexistro Xeral; a cobertura gráfica destes actos non adoitou atopar atrancos ata agora

Unha destas entregas foi convocada para este mércores por parte de todos os sindicatos con representación na educación pública galega (CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF). As centrais sindicais acudiron á sede central da Xunta para entregar por Rexistro unha carta dirixida a Alberto Núñez Feijóo no que detallan as razóns polas que reclaman recuperar o horario lectivo previo aos recortes sociais da crise, a mesma razón pola que foron á folga o pasado decembro. Ante o que consideran ausencia de vontade de negociar ao respecto por parte da conselleira de Educación, Carmen Pomar, os sindicatos decidiron transmitir as súas reivindicacións directamente ao presidente, explican.

Suso Bermello (CIG-Ensino) fai declaracións á prensa no exterior de San Caetano xunto ao resto de representantes sindicais tras o veto á cobertura do acto no interior CC-BY-NC-SA CIG

Un axente da Policía impediu captar imaxes da entrega do escrito alegando a necesidade de velar pola protección de datos do persoal do Rexistro

Pero desta volta, as centrais sindicais bateron cun impedimento inédito. Un axente da Policía encargado da seguridade do complexo impediu aos medios de comunicación presentes tomar imaxes alegando a necesidade de velar pola protección de datos do persoal que traballa no Rexistro. Diante da sorpresa e da protesta tanto do persoal da prensa como dos sindicalistas por este inédito veto, o mesmo axente impediu que os representantes sindicais realizasen declaracións aos xornalistas dentro do recinto oficial, algo igualmente habitual. Nin sequera foi posible realizar o acto con normalidade tras consultar a prensa co persoal do servizo sobre teren ou non algún inconveniente en que se realizase a habitual toma de imaxes, segundo puido confirmar Praza.gal.

Para o sindicato maioritario do sector, a CIG-Ensino, que a Xunta "prohiba que os medios poidan facer o seu traballo dentro das dependencias de San Caetano" para "cubrir a entrega dun escrito" non só é "insólito", senón que "é mostra dun nerviosismo" dous días despois da convocatoria electoral "que deixa moi mal parado ao Goberno galego", di o seu secretario xeral, Suso Bermello. "É unha censura insólita" pola que a CIG-Ensino, avanza, "dirixirá unha queixa formal", xa que supón "censurar a liberdade de información nun acto sindical". 

Os sindicatos do ensino ven no acontecido un acto de "censura"; a Xunta retruca que a prohibición se debe a que non existía "autorización previa" para tomar imaxes que poden comprometer a "intimidade" do persoal

Como o propio axente, un voceiro oficial da Xunta consultado por Praza.gal atribúe o veto á prohibición de "tomar imaxes dentro do complexo administrativo de San Caetano" sen "previa autorización", a cal "sempre foi concedida" cando "un medio de comunicación a solicitou". Este mércores, agrega a mesma fonte oficial, non foi permitido "gravar" no interior porque non existiu petición de "autorización previa", polo que segundo o Goberno galego estaríase a comprometer a "intimidade" do persoal que traballa no Rexistro.

Aínda que a Xunta alegue esta necesidade de autorización previa para a toma de imaxes no complexo de San Caetano, o certo é que esta restrición non foi aplicada en innumerables entregas de escritos no Rexistro Xeral da Xunta. Mostra disto son, por exemplo, estas imaxes de actos como o convocado hoxe, desenvolvidos nos últimos anos sen atrancos.

A CIG-Ensino subliña que, alén do veto informativo ao acto, a intención da convocatoria deste mércores non é outra que "demandar a Feijóo que interveña neste conflito e asuma a convocatoria dunha mesa de negociación para rematar cunha imposición que levamos soportando dende hai demasiados anos", a do incremento do horario lectivo. "Se non o fai, o profesorado galego só poderá concluír que, como docentes, somos considerados como un elemento secundario, desprazado na política educativa do PP". Os sindicatos educativos divulgaron unha copia da carta remitida a Feijóo, que é posible consultar baixo estas liñas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.