En 1980, con José Novo Freire (UCD) sentado no sillón da Alcaldía, en Lugo deixou de ser posible pasear pola rúa Pilar Primo de Rivera ou pola Ronda de los Caídos. O seu lugar ocupárono a rúa Otero Pedrayo e a Ronda da Muralla. Xunto a estas dúas vías tamén cambiaron de nome as dedicadas a Luis Ortiz Muñoz ou José Viador, alto cargo do franquismo e dirixente de Falange, respectivamente. Tiveron que pasar vinte anos ata que en xuño de 2000, xa con Xosé López Orozco como rexedor á fronte dunha coalición de PSdeG e BNG, para que se producise a segunda xeira de cambios, coas mudanzas da Ronda de Carrero Blanco, da Praza do Exército Español, e de rúas como Xeneral Franco, Soto Freire ou Dezaoito de Xullo. Pero aínda quedaban oito máis, que están próximas a desaparecer.
O tenente de alcalde lugués, Antón Bao, anunciou no transcurso do pleno municipal deste luns a súa intención de activar o proceso encamiñado a cumprir o punto do pacto de goberno no que socialistas e nacionalistas se comprometen "ao cumprimento da Lei da Memoria Histórica", un "acto de xustiza histórica" que traerá consigo a eliminación das lembranzas no rueiro da cidade da Muralla a militares golpistas e membros de Falange nos anos da Guerra Civil e da posterior ditadura franquista.
A primeira retirada de nomes franquistas das rúas de Lugo remóntase a 1980 e a segunda decidiuse no ano 2000
Así as cousas, a Comisión de Rueiro do Concello lugués reunirase para "abordar" as novas denominacións das rúas que actualmente están dedicadas ao General Tella -militar sublevado contra a República e gobernador militar de Lugo-, a Carlos Azcárraga -falanxista e militar-, a José Cedrón del Valle -xefe provincial de Falange en Lugo- ou ao Teniente Coronel Teijeiro, golpista que destacou na represión na Coruña e na guerra en Asturias. Tamén se eliminarán as homenaxes a Ramón Ferreiro, un camisa vieja de Falange que ocupou altos cargos na ditadura, aos irmáns Pedrosa -tres lugueses especialmente activos na sublevación de 1936- e a Julio Ruiz de Alda, cofundador de Falange. Por último, será renomeada a praza do Comandante Manso, principal mando militar golpista en Lugo a quen se lle outorgou un nome no rueiro xa en 1936, no lugar que daquela se lles dedicaba aos Mártires de Carral.
Esta decisión do Concello de Lugo chega poucos meses despois de que a Deputación luguesa, tamén dirixida por PSdeG e BNG, lle dese luz verde definitiva á retirada da presidencia de honra da institución que Francisco Franco ostentou durante case setenta anos. Do mesmo xeito, o ente provincial eliminou os recoñecementos oficiais dedicados á Sección Femenina da Falange, ao Frente de Juventudes e a Pilar Primo de Rivera. Aquela decisión requiriu unha modificación do Regulamento de Honras e Distincións da Deputación, xa que esta norma consideraba imprescindible a unanimidade do pleno para retirar estas honras e o PP non apoiou a medida, senón que se abstivo na correspondente votación.