A eurodeputada do BNG inaugura na sede da Eurocámara en Bruxelas unha mostra con algunhas das imaxes máis destacadas do galardoado fotoxornalista ourensán sobre a loita contra os incendios en Galicia
Brais Lorenzo é un dos fotoxornalistas máis talentosos e recoñecidos do país. Dentro dos seus traballos destacan especialmente os que poñen o foco na realidade da Galicia interior e, nomeadamente, as que retratan as consecuencias dos incendios forestais, caso da súa serie Terra queimada, no que documentou a loita da veciñanza contra o lume no monte e que lle valeu recentemente o recoñecemento co premio World Press Photo.
Con esta bagaxe o ourensán vén de chegar á sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de inaugurar alí a exposición Lume, a ameaza dos incendios en Europa, o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo nas que, destaca, compila varias das "fotos máis impresionantes" do autor ao respecto. "Quere -abonda- ser unha homenaxe ás vítimas e ás veciñas e veciños que loitaron contra uns incendios de dimensións xigantescos".
Pero esta presentación, matiza Miranda, procura ser tamén "un reclamo para que non se silencie a mala xestión, a falta de medidas en prevención, medios e recursos humanos e as nulas políticas da Xunta no ámbito forestal, na ordenación do territorio e o total abandono do monte". Por iso apostou por facer cadrar a apertura da mostra cunha serie de encontros na propia Eurocámara e mais na Comisión Europea con dirixentes políticos e persoal directamente implicado na loita contra o lume e nas zonas máis afectadas pola vaga do pasado 2025.
Miranda e representantes do BNG en Ourense manteñen encontros con responsables da Comisión Europea sobre a loita contra o lume en Galicia, política forestal e seguimento dos datos de hectáreas queimadas
Alcaldes e alcaldesas como María González Albert (A Rúa), A Mezquita (Rafael Pérez), A Pobra do Brollón (José Luis Maceda), ademais doutros voceiros e dirixentes do Bloque en Ourense, acompañaron nos últimos días a Miranda na capital comunitaria. Canda eles, bombeiros forestais da Xunta e da Brif de Laza, entre outras representacións.
Entre os encontros mantidos Miranda destaca o do pasado día 2 na Dirección Xeral de Medio Ambiente na Comisión Europea. "A comisión -explica o equipo da eurodeputada- remarcou na súa resposta que a actual Lei de Restauración da Natureza xa aposta por planas integrais, mesmo a nivel de manexo de terras, sobre a xestión de bosques máis resistentes ao cambio climático e con maior biodiversidade, demostradamente máis resistentes aos incendios.
Neste sentido, salienta a parlamentaria, o Bloque destacou ante os dirixentes comunitarios as súas propostas para modificar a lexislación forestal galega. Tamén, salienta MIranda, denunciou que "o goberno do PP de Rueda mentiu sobre as hectáreas queimadas durante a catastrófica vaga de 2025, cando os propios datos dos satélites europeos Copernicus cifraron a superficie destruída en máis de 200.000 hectáreas". Sobre este seguimento, abondan, "responsábeis de xestión dos datos do sistema satelital anunciaron a Ana Miranda que traballan para rebaixar de oito a tres horas o seguimento dos focos e dos perímetros dos lumes, co obxectivo de mellorar as alertas".