Manuel Martínez regresa ao goberno da Deputación de Lugo como vicepresidente

Deputados de PSdeG e BNG votando na Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Ano e medio despois, o alcalde de Becerreá regresa ao goberno da Deputación de Lugo. Manuel Martínez vén de selar o seu retorno ao grupo do PSdeG na institución lucense tras un longo proceso negociador que o sitúa á fronte da vicepresidencia e mais do departamento de Xestión Territorial, con competencias en Vías e Obras, as mesmas que xa ocupara durante os mandatos de José Ramón Gómez Besteiro. O ata agora vicepresidente, Álvaro Santos, asumirá as Relacións Institucionais, ademais da portavocía do grupo.

O presidente da institución, Darío Campos, vén de corroborar xunto a Martínez un reingreso que, cociñado a lume lento, procura pechar de vez o período máis turbulento da historia recente da Deputación, iniciado o 24 de xuño de 2015. Daquela a aspiración frustrada de chegar á presidencia levara a Martínez a entregar o goberno ao PP. O bastón de mando durou, non obstante, apenas catro meses nas mans da popular Elena Candia e en outubro unha moción de censura asinada por todos os deputados provinciais do PSdeG, Martínez incluído, e mais o BNG, fixo presidente a Campos.

Pero aquel primeiro acordo para a paz co rexedor de Becerreá durou menos dun mes. O Bloque rexeitou que Martínez formase parte da Xunta de Goberno por pesar sobre el unha imputación xudicial -por unha denuncia dun alcalde do PP arquivada en 2016-, a mesma pola que o desbotara como presidente, e o alcalde becerreense optou por volver rachar, negándose a asumir unicamente a área de Vías e Obras e apostando, xa como deputado non adscrito, por bloquear en diversas ocasións as decisións do goberno de Campos, do que o BNG saíu en xuño de 2016 tras o pacto orzamentario acadado cos populares e o propio Martínez.

Tras unha prolongada negociación o alcalde de Becerreá volve ao grupo provincial do PSdeG e asume a área de Xestión Territorial

O desbloqueo do orzamento, que Campos prevé presentar ao pleno "a segunda semana de marzo", pero tamén do resto de asuntos da institución, foi precisamente un dos argumentos principais da negociación para o regreso de Martínez, que segundo fontes consultadas por Praza.gal se vén desenvolvendo dende hai varios meses. Neste tempo cumpriu conciliar posturas políticas pero tamén desavinzas persoais derivadas da ruptura do agora novo vicepresidente co partido e das súas votacións co PP, ata rematar, a efectos prácticos, restaurando o pactado xusto antes da moción de censura. As súas alianzas co PP derivaran tamén nun expediente de expulsión do PSOE que Campos aposta agora por paralizar para "reintegralo no partido" como "un compañeiro máis", se ben a decisión, subliña, corresponde aos órganos internos do partido.

Campos coida que cómpre "poñer o contaquilómetros a cero" e fixa como prioridade a aprobación do orzamento

Eses acordos cos conservadores producíanse, non obstante, sen que houbese a posibilidade real dun novo cambio de goberno -a lei electoral fai inviable unha segunda moción de censura neste mandato-, pero si de paralizar a xestión do gabinete que encabeza Campos. O regreso de Martínez persegue, din as mesmas fontes, dotar de "estabilidade" a xestión diaria da institución e pór fin a unha situación que, en última instancia, cren, beneficiaba as expectativas do PP cara ás municipais de 2019.

Trátase, di Campos, de "reforzar o goberno e levar a cabo con maiores garantías políticas progresistas e de futuro" e para iso cumpría "poñer o contaquilómetros a cero" e "pregar o retrovisor". Segundo Martínez, o que este xoves se fixo oficial é que "se cumpren" as "condicións" estipuladas no pacto da moción de censura. "E unha vez que se cumpren, Manolo volve ao Grupo Socialista", subliña.

 

Martínez e Campos, no anuncio do acordo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.