"Non descartedes que digan que ofrecín Interior a ERC e Defensa a Otegi", di Feijóo tras contemplar un indulto a Puigdemont

Feijóo estivo este martes en Caldas de Reis, na imaxe, e despois nunha comida en Oroso © PP

Na xornada en que Esquerra di que o PP quixo pactar a investidura de Feijóo, este tenta tirar de retranca e fala de "insidias e calumnias" pero sen desmentir que trasladou a unha ducia de medios que aceptaría un indulto condicionado en Catalunya

Tres días despois de que unha ducia de medios publicasen, tras manter unha reunión en privado con el en Lugo, que Feijóo contempla un indulto a Carles Puigdemont baixo certas condicións, o líder popular segue sen desmentir que foi el quen verbalizou esa posibilidade, como publicaron abertamente ou están dando a entender xornalistas implicados. Tampouco o fixo este martes nun acto no Restaurante Lar Blanco nas proximidades de Sigüeiro, en Oroso, onde tentou defenderse atacando e presentou o seu partido como vítima dunha caste de complot.

"Levamos unha tras outra, unha insidia, unha calumnia, e outra máis", dixo Feijóo, sen aclarar se está acusando de mentir aos medios que publicaron a súa postura sobre o conflito catalán tras falar con el mesmo ou a outras persoas.

Este martes a xornada electoral comezou coa secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira, asegurando nunha entrevista na Cadena SER que o PP tamén quixo pactar coa súa formación a investidura de Feijóo como presidente do Goberno de España. Unhas horas máis tarde, en Oroso, Feijóo tentaba tirar de retranca, ironía ou cinismo, non o aclarou, e, sen desmentir a ERC, ía máis alá. "Non descartedes que mañá digan que ofrecín o Ministerio do Interior a Esquerra Republicana e o Ministerio de Defensa ao señor Otegi, non pensedes que isto no é posible", dixo aos seus. 

Feijóo contextualizou as súas palabras asegurando que nesta campaña electoral do 18F "non só se está a xogar un resultado electoral, estase a xogar un cambio de Goberno", dixo, sen aclarar se se refería ao galego ou ao estatal. 

Xa en clave claramente galega, Feijóo asegurou que votar ao PSOE "é igual que votar ao BNG", e defendeu "o modelo de Galicia" que el contribuíu a construír. "Non temos nada que copiar a ninguén", proclamou. Nesa liña, pediu "apoiar o presidente Rueda para que prorrogue catro anos máis" e reclamou "non dar un voto por perdido, e tampouco un voto por gañado". "Que Galicia siga como terra de camiños, camiñando cara ao futuro", rematou, nun acto no que estivo presente o seu mentor político, o ex-conselleiro e ex-ministro José Manuel Romay Beccaría.

Rueda nunha panadaría de Boqueixón na que falou das súas políticas para os traballadores autónomos CC-BY-SA Praza Pública

Rueda non cre que as declaracións de Feijóo sobre os indultos teñan "ningunha influencia en absoluto" na súa campaña

Polo "xiro político de Feijóo" a respecto dos indultos en Catalunya tamén preguntaron este martes a Rueda nun acto nunha panadaría de Boqueixón á que se desprazou para falar das súas políticas para os traballadores autónomos. Segundo o candidato popular, "non houbo ningún cambio de postura, houbo unha afirmación categórica dicindo que en ningún caso podemos admitir unha amnistía nin os indultos". "Supoño que a esquerda tentará axitar moito este asunto", engadiu Rueda, obviando que está a ser analizado en profundidade por medios conservadores e comentado por todo tipo de cargos populares, e dixo non crer "que teña ningunha influencia en absoluto" na súa campaña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.