ERC desvela que o PP quixo pactar coa formación independentista unha investidura de Feijóo. A secretaria xeral de Esquerra, Marta Rovira, asegura que se negaron despois de que llelo propuxese o deputado popular Carlos Floriano, segundo dixo nunha entrevista en SER-Catalunya. Tras estas declaracións, a dirección dos populares asegura que "nunca" abordou esas "conversas ou negociacións" con Esquerra porque só "comentou" co partido independentista catalán que "deberían deixar gobernar" o ex-presidente galego por ser o "máis votado".
Fálase
A Xunta Electoral ordena o alcalde de Ourense a retirar o cartel no que anunciaba unha obra que non está nin adxudicada ao consideralo electoralista. Admite así a denuncia do PP e advirte a Gonzalo Pérez Jácome de que "se absteña de levar a cabo unha acción semellante durante o proceso electoral", así como da "apertura dun procedemento sancionador no caso de que non atenda a este requirimento".
Rueda asegura agora que está “en conversas” con Abanca para mercar o cine Fraga. O candidato do PP vén de anunciar nun acto electoral en Vigo que a Xunta está a negociar coa entidade propietaria do antigo teatro-cine Fraga para adquirilo e “devolverllo á cidadanía”. O PSOE de Vigo, pola súa banda, tamén desvelou este luns que Caballero "negocia" con Abanca a cesión gratuíta á cidade. Os anuncios chegan ao día seguinte da reportaxe publicada por PRAZA.gal sobre o abandono do histórico edificio.
O BNG considera que as palabras de Feijóo sobre os indultos corresponden o nerviosismo entre os populares cara ás eleccións. “Apertou o botón do pánico, está absolutamente desnortado. Leva toda esta semana atacando a Catalunya e agora resulta que o señor Feijóo é quen quere indultar a Puigdemont”, sinalou Ana Pontón este domingo nun mitin en Ferrol, no que salientou que no PP “saben que nestas eleccións un puñado de votos pode decantar a presidencia cara ao BNG”. [Fotografía do mitin en Ferrol CC-BY-SA BNG]
José Luis Rodríguez Zapatero criticou este domingo as revelacións de Feijóo sobre os indultos e que estivese “xerando crispación, atacando o Goberno dicindo que se rompe España, a Constitución e o Estado de Dereito, e resulta que todo era unha grande hipocrisía, unha gran mentira”. Zapatero acompañou a Besteiro nun mitin en Ferrol, onde afirmou que descubrir as verdadeiras intencións do agora líder do PP estatal supoñen “a fin dunha infamia”. “Imos conseguir que o próximo 18 de febreiro os mentirosos saian do Goberno de Galicia”, sentenciou Besteiro. [Fotografía de ambos en Ferrol CC-BY-SA PSdeG]
As enquisas abren a porta á perda da maioría absoluta do PP. O inquérito de 40dB para o xornal El País coloca o partido de Rueda entre os 36 e os 40 escanos e dálle o BNG entre 22 e 25 deputados e deputadas. O PSdeG situaríase entre os 11 e 13 escanos, Democracia Ourensana entraría no Parlamento cun deputado e Sumar quedaría fóra da Cámara.
Janet Novás gaña o Goya á mellor actriz revelación por O Corno. A actriz e bailarina agradeceu o premio por este filme de Jaione Camborda "que ole a terra e sabe a vida". Novás debuta como actriz nesta película, que gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. "Vai por todas as avoas!", dixo ao remate do seu agradecemento. [Fotografía © Academia de Cine]
- HEMEROTECA | 'O Corno' estréase en Galicia tras facer historia en Donostia e chega aos cines como un éxito que se sente colectivo
- HEMEROTECA | Jaione Camborda: "Aposto moito por compartir inquedanzas, gústame situarme na pregunta para compartir co espectador"
- EN VINTE | Carla Rivas. O outro gran descubrimento de 'O Corno'
A curta galega To bird or not to bird gaña o Premio Goya á mellor curtametraxe de animación. Escrita e dirixida por Martín Romero, está producida por Chelo Loureiro e Iván Miñambres. [Fotografía © Academia de Cine]
Catro horas de tráfico interrompido na A-52 por un accidente múltiple cunha ducia de feridos e vehículos implicados. Preto das dúas do mediodía catorce coches chocaron na autovía á altura da Cañiza en sentido Benavente, houbo varios feridos no sinistro e retencións de tráfico de máis de dez quilómetros. Garda Civil, bombeiros e o helicóptero medicalizado do 061 participaron na evacuación de doce persoas, segundo a última actualización do 112-Galicia.
A Cadena SER ofrece un debate cara a cara entre Rueda e Pontón e o BNG xa confirmou a súa disposición.