As enquisas abren a porta á perda da maioría absoluta do PP. O inquérito de 40dB para o xornal El País coloca o partido de Rueda entre os 36 e os 40 escanos e dálle o BNG entre 22 e 25 deputados e deputadas. O PSdeG situaríase entre os 11 e 13 escanos, Democracia Ourensana entraría no Parlamento cun deputado e Sumar quedaría fóra da Cámara.
Fálase
Janet Novás gaña o Goya á mellor actriz revelación por O Corno. A actriz e bailarina agradeceu o premio por este filme de Jaione Camborda "que ole a terra e sabe a vida". Novás debuta como actriz nesta película, que gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. "Vai por todas as avoas!", dixo ao remate do seu agradecemento. [Fotografía © Academia de Cine]
- HEMEROTECA | 'O Corno' estréase en Galicia tras facer historia en Donostia e chega aos cines como un éxito que se sente colectivo
- HEMEROTECA | Jaione Camborda: "Aposto moito por compartir inquedanzas, gústame situarme na pregunta para compartir co espectador"
- EN VINTE | Carla Rivas. O outro gran descubrimento de 'O Corno'
A curta galega To bird or not to bird gaña o Premio Goya á mellor curtametraxe de animación. Escrita e dirixida por Martín Romero, está producida por Chelo Loureiro e Iván Miñambres. [Fotografía © Academia de Cine]
Catro horas de tráfico interrompido na A-52 por un accidente múltiple cunha ducia de feridos e vehículos implicados. Preto das dúas do mediodía catorce coches chocaron na autovía á altura da Cañiza en sentido Benavente, houbo varios feridos no sinistro e retencións de tráfico de máis de dez quilómetros. Garda Civil, bombeiros e o helicóptero medicalizado do 061 participaron na evacuación de doce persoas, segundo a última actualización do 112-Galicia.
A Cadena SER ofrece un debate cara a cara entre Rueda e Pontón e o BNG xa confirmou a súa disposición.
O temporal Karlotta deixa refachos de vento de máis de 200 km/h na Mariña. En Penedo do Galo (Viveiro) alcanzáronse esta mañá os 202,3 km/h, segundo informa Meteogalicia dunha xornada con alerta naranxa en toda a costa e parte do interior. O temporal provoca o desvío de voos e numerosas incidencias en Galicia.
O goberno de Santiago do BNG e Compostela Aberta aproba os seus primeiros orzamentos co voto a prol do PSdeG. O gabinete que encabeza Goretti Sanmartín saca adiante as contas municipais para 2024, dotadas con algo máis de 142 millóns de euros, o que as converte nas máis elevadas da historia do consistorio da capital galega. A alcaldesa defende que priorizan "políticas de vivenda, de igualdade, sociais e educativas, de sustentabilidade que recuperen o espazo para a xente e o doten de servizos".
- HEMEROTECA | ENTREVISTA - Goretti Sanmartín: "Temos a responsabilidade de sermos espello de políticas transformadoras que digan: así actúa o BNG"
Democracia Ourensana lanza un vídeo musical de campaña ao ritmo de Village People: "Ourense vai decidir. Á Xunta!"
18F Este xoves, día 8, finaliza o prazo para solicitar o voto por correo nas eleccións galegas. A solicitude pódese realizar presencialmente nas oficinas de Correos ou no seu sitio web mediante certificado electrónico ou DNI electrónico. Segundo o fixado pola Xunta Electoral, o prazo para enviar o voto esténdese ata o día 15.
Centos de tractores chegan a Ourense e Lugo para protestar contra as políticas comunitarias. A da cidade lucense está convocada polo colectivo Agromuralla mentres Unións Agrarias e o SLG adían as mobilizacións ata despois do 18F. Foto: Agromuralla.