18F Este xoves, día 8, finaliza o prazo para solicitar o voto por correo nas eleccións galegas. A solicitude pódese realizar presencialmente nas oficinas de Correos ou no seu sitio web mediante certificado electrónico ou DNI electrónico. Segundo o fixado pola Xunta Electoral, o prazo para enviar o voto esténdese ata o día 15.
Fálase
Centos de tractores chegan a Ourense e Lugo para protestar contra as políticas comunitarias. A da cidade lucense está convocada polo colectivo Agromuralla mentres Unións Agrarias e o SLG adían as mobilizacións ata despois do 18F. Foto: Agromuralla.
18F | RTVE ratifica que só Pontón e Besteiro acudirán ao seu debate electoral por mor da negativa de Rueda a participar. A canle pública estatal ratifica, ademais, que o PP se negou a enviar outra persoa que o represente no programa para debater coa candidata do BNG e o candidato do PSdeG malia que así llelo ofreceron. O debate emitirase na noite do mércores, día 14 por todas as plataformas de RTVE. Tras o debate da CRTVG, Rueda reitera que eventualmente estaría disposto a outro debate se unha única persoa representa nel a todas as forzas da esquerda. A pasada semana, o actual presidente e candidato popular tamén se ausentou do debate da Cadena SER, onde PP enviou o seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos. Na imaxe, Pontón e Besteiro en actos electorais recentes do BNG e do PSdeG.
O Goberno do Estado aproba o incremento do salario mínimo interprofesional (SMI) ata os 1.134 euros mensuais desde o 1 de xaneiro de 2024. A reunión do Consello de Ministros deste martes deu luz verde ao pactado polo Ministerio de Traballo cos sindicatos e coa patronal en contra.
Falece Miguel Ángel, histórico porteiro galego do Real Madrid e da selección española. O ex-futbolista ourensán, que padecía ELA, morreu aos 76 anos logo de xogar 18 anos no equipo branco, gañar 8 Ligas ou 2 Copas da UEFA e formar parte do combinado español en dous mundiais. En menos dun ano, o fútbol galego perdeu catro das súas maiores lendas: Amancio Amaro, Arsenio Iglesias, Luís Suárez e agora Miguel Ángel.
18F | Carretando e Ou ké organizan este martes o debate mozo das eleccións galegas. Nicole Grueira (Novas Xeracións do PP), Marta Gómez (Galiza Nova), Xurxo Doval (Xuventudes Socialistas) e Pablo Calviño (Sumar) debaten dende as 18:45 na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. O debate poderase seguir tanto ao vivo como en diferido a través de YouTube.
Diego Sande Veiga obtén o Premio Manuel Colmeiro a investigacións sobre a administración pública galega. O profesor do departamento de Economía Aplicada da USC foi recoñecido polo traballo As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico, un ámbito sobre o que publicou varios artigos en Praza.gal.
18F | A CRTVG ofrece dende as 21h30 desta noite o seu debate electoral, coa participación de Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos). O debate pódese seguir ao vivo na TVG, na Radio Galega e no sitio web dos medios públicos. Na conta de Twitter de Praza.gal acompañaremos o debate achegando datos e contexto sobre as diferentes cuestións que vaian sendo abordadas.
Profesionais sanitarios da UCI de Ourense concéntranse diante do hospital para reclamar que se cumpran as ratios de persoal e se solucionen as eivas do novo espazo para doentes críticos. "Somos unha UCI de nivel II, non de segunda", reivindicaron este luns para incidir en que o persoal de enfermería ten ao seu cargo a máis doentes dos indicados. Enfermeiras e auxiliares de enfermería explicaron a Praza en que situación están desde que comezaron as obras da nova UCI.
18F | O CIS abre a porta con máis claridade a que a esquerda sume maioría absoluta e goberne Galicia tras o 18F. Nunha nova enquisa que vén de ser pública, o Centro de Investigacións Sociolóxicas sitúa o PP en cabeza, con entre 34 e 38 escanos (agora ten 42), seguido polo BNG, que ascendería ata os 22 ou mesmo 26 (actualmente ten 19). O PSdeG, terceira forza, lograría entre 13 e 15 nun Parlamento no que optarían a entrar Sumar e DO con cadanseu escano. Este novo inquérito conta con 3.743 entrevistas e foi realizado do 29 de xaneiro ao 1 de febreiro.
- AMPLIAMOS 👉 O CIS prevé unha vitoria da esquerda cun goberno liderado polo BNG
- Máis ganas de cambio e confianza na alternativa: os datos do CIS impulsan a chamada á mobilización da esquerda
- O CIS dá á esquerda opcións de acadar a maioría absoluta e gobernar Galicia
- Economía, sanidade, emprego ou os 'pellets': os problemas de Galicia no CIS con diferenzas segundo a quen se lle pregunte
- 🔊ENTREVISTA | Ana Pontón: "O PP baixa e o BNG sobe: se a xente que quere cambio vota, o 18 de febreiro imos sorrir"