Emerxencias responde ao PSdeG, que cuestionou o uso dun "contido machista" na conta institucional, que retirou o meme "ante a controversia suscitada": "Pode dar lugar a diferentes interpretacións"
Hai case unha década que o meme do "mozo distraído" circula polas redes sociais. Baseado nunha imaxe dunha sesión coa que o fotógrafo Antonio Guillem quixo representar unha infidelidade nunha parella, vén sendo empregado recorrentemente en contextos de humor para ilustrar circunstancias de deslealdade ou de preferencia dunha opción fronte a outra.
O pasado xaneiro as contas oficiais do 112, o departamento de Emerxencias do Goberno galego, tomaron a sempre arriscada decisión de utilizar un meme da cultura popular dende un foro institucional. Elixiron a escena do "mozo distraído" para lanzar unha das súas habituais mensaxes de concienciación fronte aos incendios domésticos durante o inverno e, admiten agora, retirárona pouco despois "ante a controversia suscitada".
A través dunha pregunta no Parlamento, o PSdeG lamentou que este departamento do Goberno galego decidise "enfocar" cun "contido machista" as súas mensaxes sobre "o uso correcto de estufas e calefactores para evitar incendios". "O Goberno galego volve materializar nunha campaña informativa e de sensibilización para á cidadanía unha falla total de perspectiva de xénero, cunha cousificación total do corpo da muller", agregaban as deputadas Paloma Castro, Elena Espinosa e Silvia Longueira, preguntando a continuación "como xustificaba" a Xunta esta campaña e se "tiña previsto" tomar medidas" para que "feitos coma este non se volvan repetir".
A resposta do Executivo foi rexistrada nos primeiros días de marzo. Nela, a Consellería de Presidencia -da que depende o 112- explica que esa publicación "non foi elaborada con material creado polo equipo do 112 Galicia", senón que "se trata dun recurso amplamente difundido en internet".
"Como sucede con este tipo de contidos, pode dar lugar a diferentes interpretacións", evidencia Emerxencias. "En calquera caso, o tuit foi eliminado inmediatamente ante a controversia suscitada", agregan.
Presidencia finaliza a súa resposta sinalando que "o principal obxectivo das redes do 112 Galicia é informar e concienciar á cidadanía". Tentan, especifican, promover "comportamentos seguros mediante mensaxes que chamen a atención e esperten o interese polos consellos de autoprotección que ofrece".